Ao longo das últimas décadas, a industria do deporte foi un dos motores que lideraron o avance de Galicia, dando resposta aos retos que a sociedade lle foi poñendo no camiño. Tal e como é propio da filosofía deportiva, o sector traballou e innovou para ofrecer os mellores servizos a unha sociedade que, nos últimos tempos, está a poñer o deporte no centro das súas vidas. Pero, como acontece no deporte, sempre hai un reto que sucede a outro; non hai tempo para o descanso.
As empresas galegas de xestión de instalacións deportivas foron pioneiras no desenvolvemento do sector mediante a colaboración público-privada, que permitiu, na década dos 90, a constitución dos principais operadores de instalacións deportivas, os cales expandiron o modelo a nivel nacional, un modelo que actualmente está a ser exportado a outros países. Este desenvolvemento permitiu, nas últimas décadas, o acceso á práctica deportiva, con prezos razoables, a grandes segmentos da poboación. Actualmente, estimase que un 46% da poboación galega practica deporte de xeito recorrente, o que supón unha cifra aproximada de 1.300.000 persoas.
No meu caso, grazas aos meus pais, desde cativa aprendín que o deporte non é algo que se deba facer de xeito puntual, nun momento concreto, senón que é algo que debe acompañar as persoas ao longo da súa vida. Co tempo, nas clases de Educación Física e, posteriormente, na Universidade, comprendín que manter uns hábitos saudables axudaríame a desenvolverme mellor como persoa e a envellecer con boa saúde.
Agora que dirixo o Clúster da Industria do Deporte e o Benestar de Galicia, coñezo a engrenaxe que supón toda a organización para que a xente teña ao seu alcance a práctica deportiva. Esta asociación reúne todas as entidades relacionadas coa cadea de valor do deporte e o benestar, e está formada, principalmente, por empresas vinculadas á actividade deportiva.
Á hora de reunir un grupo de entidades que comparten intereses, pero que cada unha ten a súa realidade, consideramos fundamental atopar un reto que unifique todas as partes e que cada unha delas poida sumar desde a súa parcela. Nesa busca xurdiu a idea de xuntar toda a sociedade para nos convertermos nunha poboación máis activa, saudable e consciente da importancia do exercicio físico, e colocar Galicia como un referente en hábitos saudables.
Hoxe en día, somos a comunidade autónoma coa menor taxa de práctica deportiva do Estado, unha realidade que debemos reverter se queremos construír un futuro mellor para todas e todos. O Plan 2 Millóns nace con esta ambición: lograr que dous millóns de galegos e galegas practiquen deporte regularmente. Pero, para acadalo, necesitamos o compromiso de toda a sociedade. Este non é só un proxecto do sector deportivo, é un reto colectivo que pode transformar Galicia.
En Europa, os países nórdicos teñen interiorizado o deporte como unha parte esencial do seu día a día. En Finlandia ou en Suecia, moverse non é unha obriga, senón un hábito arraigado na cultura. Non se trata só de ter boas instalacións ou máis eventos deportivos, senón de entender que a actividade física é un piar fundamental para a saúde, o benestar e mesmo o desenvolvemento económico e social. Por que non aspirar a que Galicia siga este camiño? Temos todo o necesario: un territorio idóneo para o deporte ao aire libre, un tecido deportivo sólido e unha sociedade que, cando se involucra, demostra un compromiso exemplar.
O Plan 2 Millóns non só quere aumentar as cifras de práctica deportiva, senón tamén cambiar mentalidades. Queremos que cada persoa se vexa reflectida nesta iniciativa, desde quen xa é activo ata quen pensa que o deporte non é para el. A actividade física non é exclusiva dos atletas ou da xente nova; debe estar ao alcance de todos, independentemente da idade, da profesión ou da condición física. Por iso, o Plan traballa con concellos, empresas, colexios e institutos, e todo tipo de entidades para levar esta mensaxe a todos os recunchos de Galicia.
Á hora de cuantificar este plan, sabemos que ademais dos beneficios na saúde das persoas, incrementar a práctica deportiva ten un impacto directo no aforro sanitario, na produtividade laboral e na creación de emprego no sector deportivo. Cando unha sociedade se move, todo se move con ela: menos enfermidades crónicas, máis calidade de vida e máis oportunidades económicas. Por iso, queremos lanzar unha invitación a toda a cidadanía: movámonos xuntos e convence ao teu entorno para que tamén o faga.
Agora é o momento de actuar. Móvete.
Sofía Toro
Gerente del Clúster da Industria do deporte e o benestar de Galicia