Carlos Blanco y Xosé A. Touriñán

Carlos Blanco y Xosé A. Touriñán Coruna.gal

Vivir

Xosé A. Touriñán: "O fútbol é unha droga, aínda que nos faga sufrir tanto como o Deportivo"

El cómico vuelve a recorrer Galicia junto a Carlos Blanco en el espectáculo Somos Criminais 3. "O público da costa ten menos vergoña para rir que o público de interior", cuenta

18 marzo, 2023 05:00

Xosé Touriñán (Culleredo, A Coruña, 1980) colle o teléfono camiño a Illa de Arousa, onde prepara con Carlos Blanco a nova xira de Somos Criminais 3, un espectáculo de humor no que ironizan sobre por que os galegos somos como somos. Conquistaron palcos en toda Galicia e a cara de Touriñán é unha das máis coñecidas da comunidade, tamén das máis queridas. "É noso", así define ese sentimento que desperta na xente, de familiaridade, rirse con el na televisón, a través das pantallas na pandemia ou nos palcos de todos os pobos que xa visitou.

Que se sinte ao volver a recorrer a Galicia con Somos Criminais 3?

É unha marabilla, as ventas están por enriba do que agardábamos. Supoño que a xente ten moitas ganas de rir, que sempre fai falta. Agora mesmo estou chegando a Illa de Arousa porque estamos repasando e retocando cousiñas con moitas ganas.

Hai cambios dunha xira a outra?

Metemos cambios mínimos, sempre deixamos unha marxe a improvisación porque o que temos que facer é divertirnos nós, para que a xente o pase ben o primeiro é facelo nós. Dentro dun guion e dunha estructura de escenas que está pechadas, cada día pasan cousas novas. Agora con esta segunda volta o que temos que facer e volver ao inicio, limpalo de cousas que metemos nas actuacións anteriores para ter marxe e volver a ter ocos onde improvisar.

Por que cres que este espectáculo conecta tan ben coa xente?

Nin idea. O que intentamos facer é un recorrido de cousas típicas e tópicas do noso xeito de ser. Traballar con Carlos Blanco, que é un fenómeno, o máis grande da comedia en este país, máis co que podo aportar eu, a xente está encantada.

Que é o que vos gusta de subir ao escenario e facer a función?

Desfrutamos moito, con Carlos nunca sabes o que va a pasar. Cando mellor o pasamos é coas cousas que salen e o outro non espera, ou cousas que veñen do público.

"Dentro dun guion e dunha estructura de escenas que está pechadas, cada día pasan cousas novas"

Xa pisáchedes case todos os escenarios galegos, hai diferenzas no humor en distintas zonas de Galicia?

Hai certos matices, hai esa cousa de que igual os de interior son máis tímidos a hora de expresar cando o pasan ben e os da costa sempre foron máis abertos. Pode pasar que ten menos vergoña a expresar que o pasa ben un das Rías Baixas que un do interior de Lugo, iso nótase. Pero o público e fantástico sempre. O que importa é o final, cando rematas é cando ves o cariño que hai e o ben que o pasan.

En Somos Criminais 3 tratades temas do día a día e fai poco remataste con Recortes, un espectáculo sobre o fútbol, por que interesa tanto a risa e o fútbol?

O humor é moito mellor para todo o mundo, se fixéramos unha enquisa o humor necesitámolo todos, é como unha mediciña. O fútbol para os que nos gusta é como unha droga, ao que non lle gusta non nos pode ver, pero para nós é unha droga aínda que nos faga sufrir tanto como o Deportivo. Carlos (Blanco), por exemplo, está máis tranquilo porque é do Celta, a min tócame unha época na que me vacila constantemente e hai que aguantar. Quédannos os títulos e esas cousas que sacamos sempre da manga para intentar contrarrestar, pero hai que agachar un pouco as orellas.

Pero este ano o Deportivo pinta ben, non?

A ver… xa veremos. A historia é como acaba todo, o mesmo que contaba de cando se levanta o público ao final, aquí o importante é iso.

Que outros proxectos tes entre mans?

Teño varias datas co meu monólogo Aquí Tou! e moitas ganas de estar con Perdomo en varios locais de Galicia. Serán unhas sesións un pouco máis gamberras, lembrando aquelo que fixemos na pandemia, intentaremos facelo en directo a ver que pasa. Teño moita curiosidade e moitas ganas de rirme con el porque ten tanto talento que é unha gozada actuar con el.

"Con Fariña notaba que a xente que me paraba na rúa o facía con un pouco máis de respeto, no sentido de que pensaban ‘ tamén sabe facer cousas poñéndose serio‘ "

Que diferenzas hai entre traballar con Carlos Blanco ou con Perdomo?

Son dous cómicos moi distintos, traballando en parella hai que entenderse e complementarse. E escoitar moito, non vale ir a contra nin intentar destacar máis. Son dous tipos moi xenerosos traballando. Carlos ten máis a experiencia e a tranquilidade. Con David pásanme cousas que me sorprenden, fai cousas inesperadas e a Carlos gústalle ter todo máis controlado. Traballando cos mellores é como máis se aprende deste oficio e eu levo moitos anos chuchando de cada un. Iso fainos mellores, xunto a pasalo ben xuntos.

Vemos a Touriñán tanto anunciando unha verbena como presentando os nominados dos Mestre Mateo. Eres unha das caras galegas máis visibles, sintes presión?

Que te asocien a un lugar e a unha terra é unha sorte grandísima, eu estou moi orgulloso de onde son. Ademáis, sempre asociado a cousas positivas. Eu, coa xente que me rodea neste traballo, porque Touriñán non é un so, coidamos moito isto, é un dos valores primordiais do meu traballo. Poder asocialo a Galicia, ao galego, ao rural, a ecoloxía, a boa xente… Buscar as cousas que eu creo que teño que representar e o meu caracter me di que me gustaría ser. Quero asociarme a proxectos que teñen esos valores.

Cando te paran pola rúa, ven a Touriñán, a un personaxe da TVG, a un actor de Fariña.. por que papeis eres máis recoñecido?

A verdade é que cada vez é máis por todo. Ao principio era por Mucha e Nucha, pola comedia, por Land Rover moitísimo. Con Fariña notaba que a xente o facía con un pouco máis de respeto, no sentido de que pensaban "tamén sabe facer cousas poñéndose serio", pero agora creo que é un pouco por todo. Sempre sinto moito camiño. Fanme sentir como un símbolo de algo que tamén é deles, unha pertenza, un sentimento de que eres case da familia. Pero páranme polas cousas máis diversas, como decíamos antes, estou ata na sopa.