O tradutor Manuel Arca traballando no filme ‘A Liga da Xustiza’.

O tradutor Manuel Arca traballando no filme ‘A Liga da Xustiza’. MANUEL ARCA.

Audiovisual

A importancia da tradución ao galego dos grandes filmes de Hollywood

Falamos sobre o mundo da tradución e da situación da nosa lingua no sector audiovisual con Manuel Arca, profesional na tradución, dobraxe, adaptación e subtitulado de filmes e seriais

9 julio, 2022 08:08

Manuel Arca cursou na Universidade de Vigo o Grao en Tradución e Interpretación (Galego-Inglés). Tras iso, desenvolveu tarefas de creación de contidos e de corrección ortotipográfica en casas editoriais como Obradoiro Edicións, Novo Vinilo Edicións e Hugin e Munin.

Na recente actualidade acaba de traducir para o galego coñecidos filmes para público infanto-xuvenil e adulto como Annie Hall, O francotirador, Dunkerque, Rei Artur: a lenda de Excálibur, 1917, Mandela: Un longo camiño cara á liberdade, Mátaos suavemente… 

Guión de dobraxe do filme 1917.

Guión de dobraxe do filme 1917.

Que é para ti a tradución audiovisual?

É a posibilidade de que unha obra que foi concibida e elaborada nunha cultura e idioma determinados poida ser percibida en igualdade de condicións por outra comunidade que fale unha lingua diferente. Isto permite aumentar o acervo cultural da sociedade receptora e no noso caso vindicar que o galego é unha lingua igual de válida que calquera outra para contar historias. Gústame pensar que contribúo a poñer o mundo en galego e o galego no mundo.

Que caracteriza unha boa tradución?

É aquela que di o mesmo que a versión orixinal, pero da maneira máis adecuada para os receptores desa tradución, particularmente no que respecta á naturalidade. Se a obra orixinal está elaborada nun código que os receptores identifican como espontáneo, na tradución deberá ser tamén así. A tradución audiovisual é irma da literaria; de feito percibimos dereitos de autor polo noso labor.

Manuel traduciu filmes coma 1917 e Mátaos suavemente.

Manuel traduciu filmes coma 1917 e Mátaos suavemente.

Cal á a diferenza entre a tradución e a interpretación? Van da man?

Un tradutor non é un actor, pero ten que saber interpretar en cada frase da obra orixinal cales son as intencións: que quixo dicir o guionista con cada intervención, por que colocou certa palabra nunca posición e non noutra… para así confeccionar un texto de calidade en galego.

Que é o máis importante que aprendiches con respecto á arte de traducir?

A ter humildade. Calquera persoa pode darme unha lección de lingua e debemos escoitar a todos os falantes con atención e respecto. Nos filmes danse moitas situacións que requiren da nosa creatividade. Por exemplo, hai personaxes que rúan por Brooklyn e outros polos baixos fondos de Chicago; algúns son directores de cine e outros mafiosos. O tradutor ou tradutora debe coñecer como falarían uns e outros e para iso hai que prestar atención aos detalles. 

Poderías explicar o proceso, pre, durante e postradución dun filme ou serial?

Primeiro recibes unha encarga da empresa que che expón as condicións, cal é a obra, os prazos e quen vai dirixir a dobraxe para manter un diálogo constante con esa persoa. Entréganme o guión orixinal transcrito e o vídeo, que é o máis importante, porque a canle visual imprime a narratividade de cada escena, o ritmo dos fraseos, a función dos planos… A partir de aí comezo. Fago un bosquexo, reviso a tradución, déixoa repousar, retómoa, poño notas e tamén diversas propostas para que o actor ou actriz escolla a que lle é máis cómoda. 

Guión de dobraxe de A Liga de Xustiza.

Guión de dobraxe de A Liga de Xustiza.

Cal é para ti a parte máis complexa de todo ese proceso? 

Conseguir a naturalidade. Isto é, poñerme na pel das personaxes para pensar como falarían en galego e buscar a opción máis satisfactoria. 

Cal foi o proxecto máis complexo no que traballaches?

Annie Hall foi o máis complicado, primeiro porque levou un Óscar ao mellor filme e iso dáche vertixe. Ademais ten un guión con moitas referencias culturais, subtextos… hai que entender todo ese código para trasladalo correctamente. Eu tiven que fornecerme de guías para entender ben a película, cada frase, as motivacións de cada personaxe… 

Algo que che gustaría traducir?

Una serie ou unha película infantil con cancións. 

Cres que o oficio de tradutor e/ou intérprete está invisibilizado?

Si, porque a xente non percibe o traballo que require trasladar ao galego un filme rodado noutro idioma. Ao non recoñecerse ese labor, a profesión sofre menosprezo e precariedade. Polo xeral, só se recordan do tradutor para refregarlle un erro, como aquel despiste célebre da versión española de Game of Thrones*. A historia da tradución audiovisual suma máis acertos que erros.

*Na versión orixinal a personaxe di “She can’t see us” (“No nos ve”). O erro está en que se interpretou como un nome propio: “Sicansíos”. 

A ti gústache a túa profesión?

Estou namorado do meu oficio, traballo con estudios galegos como Cinemar Films no Milladoiro, Babalú Studios na Coruña ou Iyuno-SDI en Santiago. Ademais, teño compañeiras que para min son referentes como María Alonso ou Charo Pena. María é a tradutora ao galego de miles de títulos, como Shin-Chan ou Million Dollar Baby. Charo é actriz e directora de dobraxe; ponlles voz a actrices como Meryl Streep ou Julie Andrews e coida ao detalle o seu traballo. Ambas desempeñaron un papel crucial, partindo de cero, na tarefa de adaptar o galego ás convencións cinematográficas.

"Gústame pensar que contribúo a poñer o mundo en galego e o galego no mundo".

Como ves a actualidade do galego no audiovisual?

Penso que estamos atravesando un período delicado, sobre todo polo escaso compromiso das institucións públicas coa lingua. No campo audiovisual, a TVG emite estas ficcións a horas intempestivas e sen apenas promoción. Por outro lado, as plataformas están comezando a inserirse no galego e parece un campo prometedor, mais veremos como flúe. É imprescindible que exista a ficción en galego, porque somos falantes dunha lingua e temos dereito a consumir ficción nela para gozar de calquera tipo de realidade do cine universal sen peaxes doutros idiomas. 

Cres que aínda queda un longo camiño por percorrer para normalizar a lingua no audiovisual?

Si, pero o peor non é que quede camiño, senón que todo o que se conseguiu en tempos está a perderse. Nos 90 existía a posibilidade de ver filmes estranxeiros en prime time en galego e algúns mesmo nos cines. Hoxe iso non se dá.