El grupo Ataque Escampe.

El grupo Ataque Escampe. David Silva

Música

Ataque Escampe: "Para ter algo novo que dicir hai que acumular experiencias"

O grupo galego presenta o seu novo LP, ‘Cabalgata’, seis anos despois do seu anterior traballo. O disco será presentado o vindeiro sábado 29 de abril en Santiago de Compostela

18 abril, 2023 05:00

Ataque Escampe publica este martes o seu novo disco, Cabalgata, conformado por 10 temas que contan coa produción do Hevi, que traballou con Ortiga ou Novedades Carminha. Lamborghini, Viaxamos a Miami e Cabaliño lento son as tres cancións que xa puidemos escoitar do último traballo do grupo compostelán que será presentado o sábado 29 de abril na Sala Capitol de Santiago de Compostela.

Neste novo traballo discográfico, o grupo compostelán volve mostrar o seu universo creativo, mantendo a súa identidade e achegando tamén numerosas novidades. Para coñecer máis sobre este traballo, charlamos cun dos membros da banda, Miguel Mosqueira.

Presentades novo disco, Cabalgata, que me podes contar deste traballo?

Neste novo traballo buscabamos un son novo que pretende ser atrevido e libre. Mesturamos xéneros, como pop dos 80, hip hop dos 90 ou Los Chichos. Queremos reflectir os nosos intereses musicais.

Explorades novos estilos musicais, a que se debe esta aposta?

Estamos a investigar novos estilos. No grupo somos cinco compositores, a suma dos gustos é diversa e máis que imitar un xénero, gústanos a técnica do sampleo. Hai unha canción neste disco que ten sonoridade de canción de rap americano dos 90 na que o só de saxo colle a melodía da Cabritinha de Quim Barreiros. O que nos divirte é coller referentes e unilos nun contexto novo, non facer unha copia de algo que xa se fixo.

Os cabalos están moi presentes neste traballo

Nas cancións foron aparecendo cabalos de maneira máis ou menos espontánea. Os cabalos achegaban esa idea exuberante do animal, ademais é algo atemporal, xa que levan séculos convivindo connosco. Derivou en Cabalgata porque hai un compoñente infantil, de feito o disco acabouse de gravar na Noite de Reyes. Nós xogamos cos xéneros como os nenos e a cabalgata é unha travesía excitante e precaria, pero os riscos da viaxe merecen a pena. É un disco sobre ser libres.

Levabades seis anos sen publicar un LP, por que tanto tempo de espera?

Houbo cambios na banda e para ter algo novo que dicir hai que acumular experiencias e coñecementos. Cando un grupo leva tanto tempo ten que ser algo diferente ao anterior e para ter algo que dicir hai que traballalo.

Estreades o disco en Santiago. Vós sodes un grupo de Compostela, gústavos presentalo en casa?

Ao final os grupos teñen un vínculo especial co seu lugar de residencia, pasáballe a The Ramones con Nova York ou a The Beatles con Liverpool. En Santiago vén máis xente e quérenche un pouco máis. Non sei se en calidade, pero en cantidade si. Onde senón presentar o disco.

Levades 15 anos de carreira, cal é o mellor recordo desta etapa?

O mellor recordo é compartir os bos momentos coa xente do grupo. Despois dun concerto que saíu ben ou de gañar algún premio, a sensación de orgullo, sentirse un equipo é superior a calquera éxito que se poida ter. Unha das cousas que ten este grupo é a amizade e iso fai que sigamos.

Tivestes certa polémica co disco Galicia es una mierda polo título, foi un dos momentos máis difíciles da banda?

Non temos tanta repercusión para que nos afectase. Os momentos máis difíciles son internos, porque cando levas 15 anos é como un matrimonio. Cada un ten as súas obsesións, che enrocas na túa profesión e iso é frustrante. Hai que debater, discutir e chegar a acordos para que ninguén se senta excluído.

Que cambios notaches no grupo nestes 15 anos?

Máis profesionalismo e máis caché. Tamén somos máis detallistas na produción musical. Antes pensabamos as cancións pensando na letra e na melodía e agora está nun segundo plano. Cada segundo de música está máis reflexionado.

Levades 15 anos, haberá 15 anos máis?

Nós imos partido a partido. Para nós Ataque Escampe é un proxecto moi persoal. Somos todos compositores e estamos todos moi involucrados. Neil Young ou Bob Dylan nunca deixan de existir como artitas e nós de aquí a 15 anos seguiremos facendo cousas porque é o noso medio de expresión e non sabemos facelo a través doutro medio.