É curiosa a capacidade do ser humano para clasificar os elementos da súa contorna; por exemplo, cando encastamos “o medioambiental” asociámolo a termos como ecosistema ou impacto ambiental e a actuacións e decisións relacionadas co mundo da ecoloxía reservadas a unha elite tecnócrata. Tamén é singular a aptitude que temos para, unha vez catalogada a nosa realidade vivencial, abstraernos de todo dereito e obriga moral para coas diferentes realidades que coexisten coa nosa.
Esta problemática é moi tanxible en temas como o ambiental, de feito será mellor que falemos de “ambiente enteiro” na vez de falar de medio ambiente, xa que pode parecer que excluímos a algún ser deste planeta, e o ser humano sen dúbida, forma parte do ambiente, incidindo nel máis que o conxunto dos demais seres vivos.
Chegados a este punto de concordancia, podemos xustificar que “o ambiental” ten unha estreita relación co humano, ou dito doutro xeito, a actividade humana ten repercusións directas sobre todo o que nos rodea; e como soe pasar nestes casos, a nosa elección queda que estas sexan positivas.
Recentemente vimos de sufrir o medo á re apertura da mina de Touro – O Pino; grazas ás miles de galegas e galegos que entendemos que o ambiente é noso, que nós somos ambiente, que o ambiental non é un compartimento estanco sobre o que facer estudos e reportaxes senón que é un todo conectado do que formamos parte, polo de agora a megaminaría non será un risco para as e os ulláns e arousáns. Ben seguro que moitas destas persoas non entendían de tecnicismos ambientalistas, pero interpretaron que tiñan o dereito e a obriga de actuar e decidir porque tiñan o substancial: o sentido común.
De feito, sen ánimo de ser reducionistas, cremos firmemente que o ambiental enténdese a través do emprego do sentido común, entendido como a capacidade tanto para empregar eficientemente os cinco sentidos como para comprender a necesidade de desenvolver accións comunais.
Neste senso, defendemos a educación ambiental como motor do cambio cara unhas sociedades máis xustas, solidarias e sustentables, entendida como unha experiencia de aprendizaxe vivencial na, coa e para a contorna. Entón, que sentido ten seguir educando exclusivamente na irrelevancia das catro paredes dun colexio? e… se convertemos o ambiente nunha aula viva e dinámica onde a aprendizaxe sexa significativa?
O problema semántico que inicialmente presentamos tamén afecta aos diferentes colectivos que facemos educación ambiental, xa que non son poucas as entidades “medioambientalistas” que entenden que o ambiental só é aquilo que ten que ver coa biocenose e o biotopo. Non pretendemos criticar senón facer crítica dun asunto crítico: o rol destes colectivos perante a globalización das sociedades e a perda da identidade ambiental.
Mais como todo en educación ambiental, non tería sentido (común) facer (auto) crítica sen propor medidas para a acción. Amparámonos no desenvolvemento de escolas ambientais na contorna natural, coa filosofía das comunidades de aprendizaxe, onde a sensibilización, os conceptos, as actitudes, as aptitudes e a capacidade de avaliación xorden da práctica espontánea e preparan ás persoas para actuar individual e colectivamente para a resolución dos actuais e futuros problemas ambientais (humanos; por se non quedou o suficientemente claro).
Tampouco tería sentido propor medidas de acción senón se materializan na propia acción. Fai agora tres anos, naceu en Vedra a Aula Ambiental Ulla, froito do traballo e paixón das súas xentes; o obxectivo é que medre coas súas xentes mentres as súas xentes medran, individual e colectivamente.
Ora que moitas veces o que acontece é que todo vale á hora de facer educación ambiental, ao fin e ao cabo “o ambiente é todo o que nos rodea”; por suposto, pero fagámolo con orde e sentido común, senón correremos o risco de caer no angosto pozo da educación bancaria e irrelevante. Por isto non estaría de máis introducir neste punto o concepto “capacitación ambiental” co gallo de subliñar a importancia que a educación ambiental debe ter para coas nosas sociedades presentes e futuras, porque xustamente ese debe ser o obxectivo apical da mesma: facilitar unha relación sustentable das persoas coa contorna, unha relación non de jure senón de facto que se materialice en renovadas accións congruentes cunha ética ecolóxica.
Seguindo a proxección presentada xorde unha das acepcións máis aceptadas para a EA, a de “educación para a acción”, mais aquí volvemos a deternos para matizar que a educación ambiental non só debe ser educación para, senón tamén educación na e coa acción. Partindo deste postulado deberiamos acuñar o termo educacción ambiental, atinxindo a necesidade de adquirir competencias ambientais realizando sucesivas aproximacións a condutas e hábitos sociais sustentables, desenvolvendo a capacidade crítica e sensible de mobilizar os recursos axeitados e pór en marcha os mecanismos suficientes para salvagardar a integridade da nosa contorna e sobre todo integrando nas persoas e colectividades esta nova identidade ambiental.
Tal como fomos debullando, a EA abarca un proceso educativo integral e holístico, mais tamén transversal e permanente. Transversal en sentido amplo xa que por un lado activa múltiples competencias persoais, grupais e sociais, por outro pon en diálogo as subxectividades das persoas protagonistas, entendendo sempre a realidade como a suma dos distintos puntos de vista e, por outra banda, predica coa transversalidade na execución das actuacións. Permanente en lato sensu xa que amais de estenderse ao longo da vida das persoas, precisa dunha continua revisión pedagóxica e didáctica acorde coas necesidades e cambios sociais do momento.
Mais que teña carácter permanente por desgraza non inclúe que sexa permanente, nin sequera persistente ou subsistente, xa que as actividades, proxectos, programas e plans de educación ambiental neste país seguen adoecendo da mesma falla de continuidade recoñecida no ano 1999 na Estratexia Galega de Educación Ambiental.
Van xa máis de vinte anos dende aquela declaración de intencións a nivel autonómico e preto de sete dende que diferentes países do planeta se comprometeran coa Axenda 2030, “agora si”, a actuar en prol do medio ambiente e o desenvolvemento sostible, mais antóllase complicado que persoas que se criaron en ausencia de educación ambiental teñan as competencias ambientais suficientes para acadar as ambiciosas metas dos ODS; abofé non se trata dun problema político senón de reformulación do sistema educativo. Comecemos por outorgarlle á educacción ambiental o primordial espazo que ten no devir do noso desenvolvemento persoal e social e máis cedo que tarde viviremos un ambiente pleno e non nun sucedáneo medio ambiente.
Rubén Villasenín Iglesias
Educador ambiental e social