Fagamos Educacción ambiental

Fagamos "Educacción ambiental"

La tribuna

Fagamos "Educacción ambiental"

Unha reflexión sobre como debe adaptarse a educación para coidar do medio ambiente

5 febrero, 2022 10:30

É curiosa a capacidade do ser humano para clasificar os elementos da súa contorna; por  exemplo, cando encastamos “o medioambiental” asociámolo a termos como ecosistema ou  impacto ambiental e a actuacións e decisións relacionadas co mundo da ecoloxía reservadas a  unha elite tecnócrata. Tamén é singular a aptitude que temos para, unha vez catalogada a nosa realidade vivencial, abstraernos de todo dereito e obriga moral para coas diferentes  realidades que coexisten coa nosa.  

Esta problemática é moi tanxible en temas como o ambiental, de feito será mellor que falemos  de “ambiente enteiro” na vez de falar de medio ambiente, xa que pode parecer que excluímos  a algún ser deste planeta, e o ser humano sen dúbida, forma parte do ambiente, incidindo nel  máis que o conxunto dos demais seres vivos.  

Chegados a este punto de concordancia, podemos xustificar que “o ambiental” ten unha  estreita relación co humano, ou dito doutro xeito, a actividade humana ten repercusións  directas sobre todo o que nos rodea; e como soe pasar nestes casos, a nosa elección queda  que estas sexan positivas.  

Recentemente vimos de sufrir o medo á re apertura da mina de Touro – O Pino; grazas ás miles  de galegas e galegos que entendemos que o ambiente é noso, que nós somos ambiente, que o  ambiental non é un compartimento estanco sobre o que facer estudos e reportaxes senón que  é un todo conectado do que formamos parte, polo de agora a megaminaría non será un risco  para as e os ulláns e arousáns. Ben seguro que moitas destas persoas non entendían de  tecnicismos ambientalistas, pero interpretaron que tiñan o dereito e a obriga de actuar e  decidir porque tiñan o substancial: o sentido común.  

De feito, sen ánimo de ser reducionistas, cremos firmemente que o ambiental enténdese a  través do emprego do sentido común, entendido como a capacidade tanto para empregar  eficientemente os cinco sentidos como para comprender a necesidade de desenvolver accións  comunais.  

Neste senso, defendemos a educación ambiental como motor do cambio cara unhas  sociedades máis xustas, solidarias e sustentables, entendida como unha experiencia de  aprendizaxe vivencial na, coa e para a contorna. Entón, que sentido ten seguir educando  exclusivamente na irrelevancia das catro paredes dun colexio? e… se convertemos o ambiente  nunha aula viva e dinámica onde a aprendizaxe sexa significativa?  

O problema semántico que inicialmente presentamos tamén afecta aos diferentes colectivos  que facemos educación ambiental, xa que non son poucas as entidades “medioambientalistas”  que entenden que o ambiental só é aquilo que ten que ver coa biocenose e o biotopo. Non  pretendemos criticar senón facer crítica dun asunto crítico: o rol destes colectivos perante a  globalización das sociedades e a perda da identidade ambiental. 

Mais como todo en educación ambiental, non tería sentido (común) facer (auto) crítica sen  propor medidas para a acción. Amparámonos no desenvolvemento de escolas ambientais na  contorna natural, coa filosofía das comunidades de aprendizaxe, onde a sensibilización, os  conceptos, as actitudes, as aptitudes e a capacidade de avaliación xorden da práctica  espontánea e preparan ás persoas para actuar individual e colectivamente para a resolución  dos actuais e futuros problemas ambientais (humanos; por se non quedou o suficientemente  claro).  

Tampouco tería sentido propor medidas de acción senón se materializan na propia acción. Fai  agora tres anos, naceu en Vedra a Aula Ambiental Ulla, froito do traballo e paixón das súas  xentes; o obxectivo é que medre coas súas xentes mentres as súas xentes medran, individual e  colectivamente. 

Escola Ambiental Amabul 2020

Escola Ambiental Amabul 2020

Ora que moitas veces o que acontece é que todo vale á hora de facer educación ambiental, ao  fin e ao cabo “o ambiente é todo o que nos rodea”; por suposto, pero fagámolo con orde e  sentido común, senón correremos o risco de caer no angosto pozo da educación bancaria e  irrelevante. Por isto non estaría de máis introducir neste punto o concepto “capacitación  ambiental” co gallo de subliñar a importancia que a educación ambiental debe ter para coas  nosas sociedades presentes e futuras, porque xustamente ese debe ser o obxectivo apical da  mesma: facilitar unha relación sustentable das persoas coa contorna, unha relación non de  jure senón de facto que se materialice en renovadas accións congruentes cunha ética ecolóxica.

Seguindo a proxección presentada xorde unha das acepcións máis aceptadas para a EA, a de  “educación para a acción”, mais aquí volvemos a deternos para matizar que a educación  ambiental non só debe ser educación para, senón tamén educación na e coa acción. Partindo  deste postulado deberiamos acuñar o termo educacción ambiental, atinxindo a necesidade de  adquirir competencias ambientais realizando sucesivas aproximacións a condutas e hábitos  sociais sustentables, desenvolvendo a capacidade crítica e sensible de mobilizar os recursos  axeitados e pór en marcha os mecanismos suficientes para salvagardar a integridade da nosa  contorna e sobre todo integrando nas persoas e colectividades esta nova identidade  ambiental. 

Tal como fomos debullando, a EA abarca un proceso educativo integral e holístico, mais tamén  transversal e permanente. Transversal en sentido amplo xa que por un lado activa múltiples  competencias persoais, grupais e sociais, por outro pon en diálogo as subxectividades das  persoas protagonistas, entendendo sempre a realidade como a suma dos distintos puntos de  vista e, por outra banda, predica coa transversalidade na execución das actuacións.  Permanente en lato sensu xa que amais de estenderse ao longo da vida das persoas, precisa  dunha continua revisión pedagóxica e didáctica acorde coas necesidades e cambios sociais do  momento. 

Proxecto transversal de acción, capacitación, divulgación e voluntariado ambiental “Erradicadescantia” 

Proxecto transversal de acción, capacitación, divulgación e voluntariado ambiental “Erradicadescantia” 

Mais que teña carácter permanente por desgraza non inclúe que sexa permanente, nin  sequera persistente ou subsistente, xa que as actividades, proxectos, programas e plans de  educación ambiental neste país seguen adoecendo da mesma falla de continuidade recoñecida  no ano 1999 na Estratexia Galega de Educación Ambiental. 

Van xa máis de vinte anos dende aquela declaración de intencións a nivel autonómico e preto  de sete dende que diferentes países do planeta se comprometeran coa Axenda 2030, “agora  si”, a actuar en prol do medio ambiente e o desenvolvemento sostible, mais antóllase  complicado que persoas que se criaron en ausencia de educación ambiental teñan as  competencias ambientais suficientes para acadar as ambiciosas metas dos ODS; abofé non se  trata dun problema político senón de reformulación do sistema educativo. Comecemos por  outorgarlle á educacción ambiental o primordial espazo que ten no devir do noso  desenvolvemento persoal e social e máis cedo que tarde viviremos un ambiente pleno e non  nun sucedáneo medio ambiente. 

Rubén Villasenín Iglesias 

Educador ambiental e social

Pandemonium (Breve historia de la guerra entre la humanidad y las infecciones)

Pandemonium (Breve historia de la guerra entre la humanidad y las infecciones)

Anterior
Vista aérea de varios cruceros en el puerto de A Coruña en una foto de archivo, con récord de 6 cruceros simultáneamente.

El día a día de la operativa de cruceros de A Coruña

Siguiente