Inés Vázquez: "Non se pode vivir exclusivamente de crear cómic, nin a nivel galego nin nacional"
Vázquez é ilustradora e autora de cómic e autora do libro ‘Aldara’. Agora está impartindo uns obradoiros na Coruña sobre o proceso creativo da banda deseñada no marco do Viñetas desde o Atlántico
17 mayo, 2024 05:00Inés Vázquez (A Coruña, 1993) é ilustradora e autora de cómic e foi galardonada co Premio Follas Novas 2022 pola súa obra Aldara, a lenda do cervo branco. Agora está inmersa na creación da súa terceira novela gráfica e está impartindo uns obradoiros en distintos IES da cidade sobre o proceso creativo da banda deseñada. Estas charlas enmárcanse no Viñetas desde o Atlántico do que ela forma parte este ano.
Adicarse á creación artística non é doado, pero é aínda máis difícil en determinados formatos, como o cómic. Vázquez sábeo ben e por iso os seus obradoiros están centrados nas diferentes formas e camiños que existen de achegarse a ese mundo da creación. Neles tamén explora como eses camiños non son lineais e ás veces o que se quere facer se atopa tras un longo percorrido.
Ela acabou no mundo do cómic "de casualidade" e pensa que chegou "bastante tarde". Con todo, nunca é demasiado tarde para chegar ao onde se quere e agora segue a explorar o que máis lle gusta: os distintos xeitos de contar historias mediante imaxes.
Como son eses obradorios que estás a impartir? Que lles contas e que feedback estás recibindo dos rapaces e rapazas?
E máis ben unha charla divulgativa, nos centramos máis na parte teórica porque hai bastante asistencia. Eu fálolles de como me acheguei ao mundo da banda deseñada e de como foi o proceso de creación de Aldara, a lenda do cervo branco, a miña primeira novela gráfica. Penso que lles pode resultar curioso porque eu me acheguei bastante tarde ao mundo do cómic, eu debuxaba e demáis, pero interesábanme sobre todo as películas, e acabei no cómic por casualidade, porque vin que se podían contar historias con imaxes, que é o que eu quería facer.
E iso é o que lles estou transmitindo, que cando tiña a súa idade non sabía que había Viñetas desde o Atlántico, non me plantexaba facer cómic, e ao final acabei facendo iso, un pouco tamén para inspiralos e animalos a que exploren iso. É como que lles estou dando a charla que me gustaría ter escoitado cando era rapaza. Penso que están gozando, sobre todo vin bastante interese na Pablo Picasso, que xa están estudando ilustración, e fixeron preguntas sobre como foi a miña experiencia traballando no cómic e combinando esa faceta co mundo da animnación tamén, para que vexan que tampouco tes que escoller un ou outro camiño, podes facer as dúas cousas.
Como foron eses inicios teus coa banda deseñada?
Pois estaba estudando bacharelato artístico e vía que había xente moi metida no cómic e tiña pensado que quería adicarse a iso, pero eu non mo plantexaba. Eu tiña a idea de facer películas e contar historias con imaxes, e matriculeime en Comunicación Audiovisual na Coruña con esa idea, pero vin que o tema da universidade non cadraba co que eu esperaba, que os estudos non estaban orientados á aplicación práctica dos coñecemetos, nunha rodaxe ou que sexa. Así que o deixei un pouco desencantada e dándolle voltas ao tema vin que facer unha película era moi complexo: precisas unha productora e que a produtora teña financiación, lograr un equipo para a rodaxe… e entón pensei de que maneira podía contar historias con imaxes sen precisar unha millonada nin tanta xente. Aí decidín meterme en libro ilustrado porque me gustaba a literatura e como sabía debuxar pensei que podía cadrar. Pero entón vin que nunha páxina de ilustración estaba metendo coma quince debuxos… e que realmente o que estaba facendo era unha proto páxina de cómic, e dixen, "ah pois isto é o que quero facer!"
Neses obradoiros non sei se te atopas con rapaces ou rapazas que poderían querer facer cómic pero que teñan medo de non saber debuxar "ben". Un medo que, penso, acompaña a moitos adultos. Con todo, no mundo do cómic hai debuxos moi complexos pero tamén hai autores moi famosos que empregan liñas máis sinxelas e contan grandes historias… é imprescidible saber debuxar dun xeito concreto?
Estes días xusto participei como xurado nun concurso pequeno e esa era a cousa coa que nos atopábamos, había debuxos dunha calidade moi boa pero a historia estaba máis ou menos, pero despois había outras que de debuxo non estaban tan ben pero o guion era incrible, e tiñamos que equilibrar iso á hora de decidir quen levaba o premio. Sempre pasa un pouco iso, hai debuxantes que igual o seu forte non é o guion, e tiran máis de debuxo espectacular, e outros aos que se lles dá mellor xerar historias e non lle dan tanta importancia ao debuxo e fan cousas máis sinxelas porque só queren transmitir esa historia. Cuttlas facía cousas súper sinxelas e funcionaba perfectamente. A min persoalmente gústame facer debuxos máis elaborados, pero disfruto igualmente de cousas sinxelas. É un mundo incrible e con millóns de posibilidades para explorar.
Como foi o proceso de crear Aldara?
O proceso de Aldara foi curioso porque naceu como proxecto de fin de curso da escola de ilustración na que estaba, O Garaxe Hermético de Pontevedra. Xurdiu aí, tiñamos que xerar proxectos de cómic longo e eu acabei facendo Aldara. Non estaba rematado, presentabamos as primeiras páxinas. E nas presentacións dese ano veu Miguelanxo Prado e xa me dixo: "O final da historia non funciona, hai personaxes que queda descoglados" (risas). E eu quedei en plan… pois haberá que arranxalo dalgunha maneira. Así que nese tempo estiven facendo outros encargos e tratando de arranxar a obra. Pero despois atopei traballo en animación e marchei para Irlanda, e o proxecto quedou parado e o rematei cando volvín aquí na pandemia. Polo que o proceso foi intermitente. E aí saíu con Demo Editorial.
Esta ben ver que os procesos moitas veces non son lineais. Porque cando vemos a obra rematada podemos pensar que todo foi rápido e sinxelo, pero ás veces precisas dunha ollada externa, ou pasan cousas entre medias...
Si, non é de seguido. Cando a xente me pregunta canto tempo me levou non podo dar unha resposta concreta, porque non estiven seguido traballando niso. Un periodo si que me dedicaba a iso combinado con outras cousas, logo paraba… e un pouco así.
Pasa moito coa vida en xeral, que esperamos que sexa precisamente como unha película…
Si! Todo rápido, rápido, rápido…
Sobre a túa participación na edición do Viñetas, como o estás a vivir?
Chegou como unha sorpresa ter a oportunidade de participar nesta tanda de charlas para promocionar o mundo da banda deseñada entre os máis novos e estou disfrutando bastante. Non se me dá especialmente ben falar en público pero si que me motivou achegar á banda desedaña a xente nova porque creo que se van poder identificar moito coa miña situación. Por exemplo, cando preguntei na Pablo Picasso se algún deles fora ao Viñetas prácticamente ningún levantou a man, e pensei que estaban na mesa situación ca min. E é super divertido entrar en contacto con rapaces que leron o libro. Tamén é unha honra estar no programa e estou intentando sacarlle o mellor posible para que a xente se achege ao cómic e a Aldara se non o coñecían.
Como ves o panorama da creación en Galicia? Non sempre é doado adicarse á creación… como o viviches ti?
Penso que non se pode vivir exclusivamente de crear cómic, nin a nivel galego, nin a nivel nacional. O que vemos os debuxantes é que se queres facer iso tes que mover os teus proxectos por Francia, que é o mercado de banda deseñada máis grande que temos en Europa, ou ir a un mercado americano, porque aquí as tiradas son moi pequeniñas e os debuxantes cobramos polo número de exemplares que saen á venda. Non é posible. Os que nos adicamos a isto facémolo por amor a arte, porque nos encanta o medio, é super divertido para contar cousas, pero o normal é que se combine con outro tipo de oficios, por exemplo, con publicidade, deseño gráfico, ilustración… ou todas ao mesmo tempo, ou animación no meu caso. Tamén hai xente que fai banda deseñada pero que se adica a cousas que non teñen nada que ver.
Penso que estamos nunha época na que hai un montón de xente que está a crear banda deseñada en Galicia, un montón de xente nova: Cristian Fojón, Brais Fierro, Xulia Pisón, Xulia Vicente, ou Bea Gregores, que acaba de sacar libro. Entón vemos que hai un montón de autores de banda deseñada pero as tiradas non aumentan. Un pouco a intención destas charlas do Viñetas é ampliar o público, achegar a xente máis nova ao cómic para que se interesen tamén e dar a coñecer o medio para conseguir entre todos que o cómic teña máis visibilidade.
Ás veces tamén pasa que determinados xéneros ou eidos da cultura ou das artes parece que son accesibles só para determinados grupos de público, e non para o púbico xeral. Pódelle pasar iso ao cómic?
Si, eu penso que o cómic ten o estigma de que é para rapaces pequenos, pero podes atopar historias de todo tipo, de terror, thrillers… de todo. Aínda que para a rapazada pode ser interesante porque están acostumados a linguaxe visual e si que lles pode entrar máis fácil un cómic que unha novela, e penso que está aumentando ese interese pola adaptación de clásicos da literatura á banda deseñada para que sexan máis asequibles para eles. Igual podemos tirar por aí e se xa se enganchan a iso poderán tirar para adiante e chegar a outros títulos.
Agora estás traballando nunha novela gráfica. Podes adiantarnos algo?
Non quero contar moito (risas), pero si, a idea e que estou a traballar nunha historia longa, de douscentas e pico páxinas, polo que vai levar o seu tempo. A intención é que saia a mediados ou finais do ano que vén. Do argumento non quero contar moito pero podo dicir que é unha historia ambientada en Santiago de Compostela, en 1898, e é unha aventura para rapaces na que se explora o mundo dos trasnos, unha criatura típica do noso florclore galego.