Manel Cráneo, director de Coruña Gráfica: "No sector había medo á desaparición do Viñetas"
O artista foi o encargado de deseñar o cartel do mítico festival. Charlamos con el para falar sobre os entresixos deste evento que se celebra ata o 13 de agosto
8 agosto, 2023 05:00O coruñés Manel Cráneo é uns dos grandes nomes do cómic galego e nacional. A sua experiencia serviulle para ser elixido como o deseñador do tradicional cartel do festival Viñetas desde O Atlántico, que regresa a A Coruña un ano máis.
Para coñecer o que supuxo facer un encargo desta responsabilidade, os entresixos dunha edición que estivo marcada pola marcha de Miguelanxo Prado e algunas das actividades e cómics que non nos podemos perder, charlamos có autor coruñés.
@quincemil15000 Manel Cráneo, deseñador do cartel do ‘Viñetas desde O Atlántico 2023’, fala da nova edición do festival e do mundo do cómic #viñetasdesdeoatlantico #comic #tebeos #comics #batman #davidrubin #acoruña #coruña
♬ sonido original – Quincemil
Que supuxo facer o cartel deste ano?
Foi un reto inesperado. Ó principio ata pensei en dicir que non, porque foi en poucas semanas en medio de dúas eleccións. Ao final es un profesional, é un reto grande e decides facelo. Foi un reto ao que rapidamente lle perdes o medo. É máis fácil facer algo para a túa cidade que cando che encargan cousas para fóra.
Como te inspiraches para a idea?
No cartel ten que aparecer a Torre de Hércules. O primeiro no que pensei foi na lenda de Hércules e Xerión. Eu quería facer unha metalinguaxe convertendo a estes personaxes clásicos en personaxes de cómic. Transformei os bocadillos de pensamento en ovelliñas. Logo fixen que as ventás da torre sexan elementos do cómic. O heroe leva un lapis de espada e unha páxina de escudo, tendo como obxectivo liberar os elementos e que o cómic poida volverse a expresar por si mesmo. Eu creo que é bonito, vai ser unha chamada para o público que vén de fóra a hora de fixarse no entramado da cidade e as súas lendas.
Falabas do público que vén a cidade polo evento, ti que importancia cres que ten para a A Coruña o festival?
Significa moito para a cidadanía, para os lectores e para o sector do cómic español. Cando pasou o que pasou había moito medo a que desaparecese. Sería un fracaso pero non só para nós, tamén para editores que veñen de Madrid, Barcelona ou Valencia. Ademáis da programación oficial, a xente que estamos nos stands aportamos autores que traemos nós e facemos a nosa inversión. Para nós esta parte comercial non se pode perder porque é importante nas vendas. Tamén é un momento de encontro profesional coa xente do sector. Houbo unha chamada a salvar isto e moita xente entrou correndo. Isto o final é como cando o Dépor estaba en primeira que xeraba moito para a cidade. Hai moita xente que planifica as súas vacacións co Viñetas desde O Atlántico.
Esta é a primeira edición tras a crise pola marcha de Miguelanxo Prado. O festival saíu a diante, pero de cara o futuro como o vedes?
Eu de futuro non entendo que non son Rappel (ríe). Eu vivo ao día e o meu lema é carpe diem. A situación agora é que necesitamos unha dirección artística, pero hai unha intención do Concello de seguir, ficharon unha serie de exposicións e convocaron a xente do panorama local para botar unha man. O programa foi feito nun mes, pero hai que miralo con bos ollos. Salvamos o evento, que era o que quería a xente do sector. Agora estamos nun momento algo crítico. Sobre o que pasará o ano que vén? falamos o ano que vén. Creo que hai que ser construtivos, centrarnos en que o evento siga e mirar con mirada aberta e amable. No ano do covid sacamos adiante o festival perdendo cartos. Envorcámonos para salvar o Viñetas, o fixemos coa pandemia e o faremos con calquera crise.
Eres un experto no festival, que actividades recomendarías desta programación?
Para a xente que incluso non lese nunca un cómic hai actividades interesantes como a autoficción do Lume, de David Rubín, que se leva o mundo do teatro como se fora un podcast. Un actor en directo con música, efectos e voces programadas de actores e actrices. É algo moi innovador e seguro que logo queres ler o cómic. Imos ter tamén a artistas ilustrando unha actuación da banda Hongo, que é unha banda de metal coruñesa. Este tipo de interaccións pode traer a xente doutros ambientes ao mundo da banda deseñada. Para os máis mozos hai actividades que me gustan moito como obradoiros de iniciación e outro con Alberto Guitián para profesionais e amateurs. Esta programación abre portas e se o ano que vén hai unha dirección de arte, podemos ter unha fórmula interesante.
Un dos protagonistas é Francisco Ibáñez, recentemente falecido. Para ti entendo que é todo un referente
É un caso espectacular. Hai poucos casos así no resto de Europa. Cando faleceu vín a xente de Alemania ou Italia chorando a Ibáñez. El marcou a moita xeración e a súa obra é a historia de España contada a través da banda deseñada. El leva desde os anos 50, pero sempre foi moi crítico con humor sen ferir sensibilidades durante 5.000 páxinas, que son as que fixo en vida. El sempre dicía que case non saía do cuarto e que a muller o estaba sempre chamando para comer ou cear. Ía da cama para a mesa de debuxo. Privouse de moitas cousas por facer feliz os demais. Quero dicir que tamén hai outra homenaxe da que non se fala tanto, que é a homenaxe a Calpurnio, cunha exposición en Palexco. É o gran minimalista da banda deseñada, era un tipo que daba gran expresividade e coñecía moi ben os elementos do cómic. Ter unha exposición del na Coruña é brutal.
Ides a estar co stand de Demo Editorial, unha obra que recomendarías do voso selo
Teño varias. Aldara de Inés Vázquez, que é unha autora moi completa que está preparando a seguinte xa. Logo temos O Lume de David Rubín, que o coeditamos con Astiberri. Unha obra de perfil político Black is Beltza: Ainhoa, con guion de Fermín Muguruza de Kortaku. A aposta que facemos polos autores galegos, Brais e Chisco de humor, especialmente para o público infantil e xuvenil. Obra de Santy Gutierrez, que fixo un libro que é unha gozada, humor gamberro e que engancha as todas as idades.