‘Coa creación esquézome de todo’. Falamos co bailador galego Mondra sobre a súa obra

‘Coa creación esquézome de todo’. Falamos co bailador galego Mondra sobre a súa obra Imagen: @mondra.gz

Ofrecido por:

Audiovisual

‘Coa creación esquézome de todo’. Falamos co bailador galego Mondra sobre a súa obra

Dende o 1 de xullo Mondra triunfa co seu AGHRÚuU cun videoclip que se inspira no contacto e o non contacto dos corpos, unha experiencia de liberación sexual

30 julio, 2022 06:00

Martín Mondragón leva bailando dende os 7 anos e dende ben cativo sentiu de xeito natural que o seu soño de ser artista podía ser unha realidade.

Cóntanos, que é o que agardas que o público perciba de MONDRA como novo artista neste panorama musical galego…

MONDRA procura ser un proxecto musical, ante todo, mais tamén visual e moi performativo. Visualizo e conceptualizo sempre todo o que creo dende a conxunción destes tres elementos. Producindo o tema non podía parar de pensar en imaxes ou movementos que o retratasen. Para min, é o proceso natural. 

A acollida de ‘AGHRÚuU’ foi moi boa. Tiven un pouco de medo en ocasións e as expectativas da xente bloqueáronme nalgún punto do proceso, pero a ambición e o traballo e o meu soño por presentarme como artista sempre o gaña todo. Non sei ben aínda que vai seguir ao ‘AGHRÚuU’, pero agardo que resulte nun proxecto musical co que a xente poida identificarse, que fale de asuntos importantes e que semente sempre un ollar crítico. Gustaríame moito que o proxecto gañase o máximo explendor sempre no directo, que é para min a parte máis importante.

A estética deste primeiro videoclip está moi coidada e todo parece ter unha mensaxe. Qué significa ‘AGHRÚUU’?

Este proxecto é o meu TFG en Comunicación Audiovisual pola USC. Eu procuro que o meu traballo sempre se empape de referencias e que todos os visuais sexan profundamente simbólicos e conceptuais. A compoñente estética é algo central no proxecto que estou a comezar como MONDRA

O clip de ‘AGHRÚuU’ é unha experiencia performativa dunha manchea de conceptos que me evocaban o desexo sexual e a sexualidade, pero ao mesmo tempo circula narrativamente polas fases da resposta sexual das persoas, dende o desexo até o orgasmo. ‘AGHRÚuU’ inspírase no contacto e o non contacto dos corpos, na vontade e o consenso como límites do desexo, na crueza e tamén en rachar co tabú e as expectativas e os modelos do marco de referencia sociosexual. ‘AGHRÚuU’ pretende ser unha experiencia de liberación sexual.

A produción de ‘AGHRÚuU’ foi complexa. De febreiro a xuño traballei con Juanjo Abella no tema e, á par, dende abril, na proposta visual. Investín os meus aforros neste proxecto porque crin que era o momento e que valía a pena apostar por isto. O feito de que fose o traballo de peche do grao era unha vía para optar a algúns recursos e presentarme cun proxecto semiprofesional. Foron moitas as horas investidas no proxecto, dándolle voltas e voltas ao tema e rodando até 13 horas diarias; sempre da man dunha equipa marabillosa. Cando entro nun estado de creación esquézome de todo e entrégome profundamente ao que estea facendo. 

‘Aghrú’ é como denominan o aturuxo nalgunhas áreas da galiza. Quería atopar un concepto expresivo que dese nome ao proxecto e que retratase á galega a sexualidade. Un agrhú é un berro festivo e moi visceral no que atopei un símil perfecto como expresión poética do desexo.

Pertences a unha xeración de creadores que leva un discurso e un contido con moito peso…

O  ‘AGHRÚuU’ fala de sexualidade, porque é algo que está moi presente na miña vida. Algo sobre o que reflexiono moito. Sempre quixen construír relacións afectivas e sexuais dende a non toxicidade, dende a horizontalidade e dende a liberdade e o consenso. Quédanos moito por reflexionar aínda sobre as estruturas e decatarnos dos modelos que reproducimos. 

O máis importante para min é crear dende temáticas que me identifiquen persoal e ideoloxicamente. Creo moito no potencial que ten a arte, dende a imaxe, a música ou a palabra, de achegar a quen consume a posibilidade de reflexionar e de cuestionarse. É un medio moi potente para recuperar a individualidade e non perderse na tolemia dun mundo global.

O fenómeno das Tanxugueiras revolucionou a todo o país… Abrimos portas e Galicia está de moda? 

Por suposto que se abren portas. As Tanxugueiras puxeron de moda algo que mamei dende cativo, colocaron, por fin, a nosa música no punto de mira. De súpeto, da noite á mañá, a nosa música vende e é etiqueta do que é a Galiza dentro e fóra. 

Elas chegan nun momento cru para a cultura, onde se perde a lingua propia e onde o foráneo vende máis. É moi admirable, estando onde están, que leven por diante o galego en calquera contexto e en calquera lugar, porque é a normalización que merece a lingua e é a imaxe que merece a Galiza. 

Aínda así, é unha mágoa que teñan que chegar até onde están para que moitos/as galegos/as comecen a crer no propio. Milleiras de artistas galegas levan propoñendo novas olladas sobre a nosa música dende hai máis de 20 anos. É só cando nos admiran en Madrid que nos decatamos de que o que temos e o que somos vale a pena ou está a altura. Penso que neste senso hai aínda moito traballo por facer.

Dende cativo participas na cultura popular a través do baile, da música… Cando dixo Mondra iso de ‘mamá, quero ser artista’ e ata onde queres chegar?

Así é. Son bailador e tocador dende os 7 anos e dende aquela estou vencellado á música e ao baile tradicionais. Pero ao mesmo tempo, como maricón nado no 2000, influíronme profundamente as divas globais. A día de hoxe, hai certas referencias que rexeito dende a miña conciencia política, mais eses influxos chegaron tamén a min e non podo renegar deles.

O de ser artista foi sempre un soño, na casa ben me vían xa aos 7 anos montando teatriños no garaxe ou cantando para a herba no xardín, teño armado cada unha… Supoño que foi algo bastante natural. Coma sempre, nunca se viu como algo serio ou do que vivir, mais nunca se sabe o que pode pasar. 

Eu o que quero é seguir facendo música e seguir traballando no meu proxecto. En realidade son un novato, así que o que preciso e traballar moito para seguir aprendendo. Penso que teño aínda moito que amosar. Agora preparo unha pequena residencia en Compostela para poder producir máis temas. Quero seguir lanzando música e que o ‘Aghrúuu’ só sexa un comezo e non caia no esquecemento. Ogallá poder optar a producir en condicións, construír un pequeno EP e, sobre todo, proxectar directos, que é a miña perdición.

As que tivemos a sorte de verte sobre o escenario sabemos que da túa forza sobre as táboas… Que vai atopar o público nas actuacións?

Moitas grazas! Non sei que liña conceptual depararán aínda as próximas producións, mais agora mesmo visualizo todo dende o visual e o performativo, tal e como presenta o ‘AGHRÚuU’.

Gustaríame moito poder facer directiños en espazos pequenos, máis íntimos, e poder conectar a miña música coa xente, sen grandes recursos. Facer un Crechas prontiño sería algo lindo. 

Ao mesmo tempo, tamén me vexo en grandes escenarios, claro, onde poder escenografiar todo o que me remove por dentro, dende o movemento até os visuais. Imaxino unha proposta moi performativa, poñendo o musical nun primeiro termo, pero sempre en combinación con moita danza e cun traballo estético moi coidado.