Dende mediados do século XX hai unha presenza activa de mulleres artistas que dedicaron a vida enteira, ou parte dela, a rachar co preestablecido denunciando as inxustizas e a violencia estrutural. Outras antes xa foron asentado as bases e abrindo camiño. Louise Bourgeois, francesa afincada nos Estados Unidos, é a autora das obras femme maison: cadros de mulleres sen rostro, ou mellor dito, mulleres con rostro de casa para denunciar a claustrofobia que as rodea ao vérense pechadas nun espazo entre catro paredes onde se agarda que se realicen a nivel persoal. Hoxe en día, aínda debemos seguir a denunciar situacións, en ocasións, similares as que poñía Bourgeois en tela de xuízo nos 40.
Yoko Ono (小野 洋子), nada en Tokio no 1933, trasládase a Nova York e entra de cheo na arte de vangarda impregnando da filosofía oriental as súas obras de arte fluxus. Así defende, no 1966, que o estado natural da vida e da mente é a complexidade, e o que a arte pode ofrecer é unha ausencia de complexidade, un baleiro que leva á relaxación da mente. En Cut Piece (1964), Yoko Ono senta inmóbil mentres os espectadores van facendo cortes na roupa da artista.
Dos anos 60 son as conscious-ness-raisin, mulleres que, partindo da propia experiencia persoal, tratan deachar na arte unha vía de análise que permita formular propostas de carácter crítico para demostrar que moitas experiencias son máis comúns do que pensamos. Falan e exploran, a través da arte, conceptos como a ambición, o poder, a sexualidade, o diñeiro, a imaxe corporal, a violencia, a roupa, o traballo. Algunhas delas, como Eleanor Antin e Adrian Piper, focalizan a súa investigación no corpo feminino e outras, como Faith Ringgold, abarcan tamén a o racismo.
En 1971, Nam June Paik deseña, na new television workshop performance, o seu primeiro sostén-televisor para a artista Charlotte Moorman. Paik constrúe dous pequenos monitores de vídeo que Moorman coloca sobre cada un dos seus peitos durante un concerto mentres toca o violonccelo. Os monitores gravan os rostros do público en tempo real. Unha peza que fai referencia ao voyeurismo da televisión e á tendencia dos medios de comunicación a sexualizar o corpo feminino, atacando a actitude manipuladora e consumista da televisión.
En 1972 xorde a Womanhouse nos Ánxeles, programa-embrión de gran parte do que seu deu en chamar ‘woman art’. A construción da Womanhouse, de Judy Chicago, Miriam Shapiro e 21 estudantes do CalArts, supón a introdución dun conxunto de performances con montaxes específicas nos cuartos dunha casa abandonada en Mariposa Street (Hollywood). Tralas remodelacións, interveñen con performances e instalacións artísticas que aluden ás tarefas desempeñadas tradicionalmente pola muller. Deste modo, a cociña vale para temas alimentarios (o mito da nai nutricia), mentres que o baño alberga unha reflexión sobre a menstruación. Unha das accións máis celebradas, ideada por Faith Wilding, recolle as distintas facetas coas que se asocia á muller: a espera do marido, a espera do nacemento do fillo, a espera para ver envellecer o corpo e deixar de ser así obxecto de desexo dos homes, con todas as contradicións que implica.
En canto dura a performance, a artista recita o poema Waiting. Velaquí un pequeno fragmento (Ao final do artigo a tradución ao galego i):
(…)
Waiting for my children to come home from school
Waiting for them to grow up, to leave home
Waiting to be myself
Waiting for excitement
Waiting for him to tell me something interesting, to ask me how I feel
Waiting for him to stop being crabby, reach for my hand, kiss me good morning
Waiting for fulfillment
Waiting for the children to marry
Waiting for something to happen Waiting . . .
(…)
Waiting for my body to break down, to get ugly
Waiting for my flesh to sag
Waiting for my breasts to shrivel up
Waiting for a visit from my children, for letters
Waiting for my friends to die
Waiting for my husband to die Waiting . . .
i Esperando que os meus fillos volvan da escola / Esperando que medren, que se vaian da casa / Esperando ser eu mesma / Esperando a emoción / Esperando que el me pregunte algo interesante, como me sinto / Esperando que el deixe de estar enfadado, que me tome a man, que me bique ao erguerse / Esperando a plenitude / Esperando que os fillos casen / Esperando que algo pase. Esperando…
(…)
Esperando a que o meu corpo se esborralle, se poña feo / Esperando a que me caian as carnes / Esperando a que me visiten meus fillos, as cartas / Esperando que os meus peitos se volvan pequenos / Esperando que meus amigos morran / Esperando que meu marido morra. Esperando…
Inspirándose na Womanhouse, realizouse no “National Museum of Women in the Arts” (NMWA) a Women House, unha exposición con trinta e seis artistas para examinar a persistencia dos estereotipos sobre a casa como espazo feminino.
Destaco dentro desa exposición a Zanele Muholi, unha artista e activista sudafricana de xénero non binario que reivindica nos seus traballos de fotografía, vídeo e instalación os dereitos LGBTQ, poñéndose mesmo en risco ao rexistrar realidades que tenden a ocultarse, mesmo dende o goberno. A súa arte séntese dunha maneira tan ameazante que chegaron a entrar no seu estudo para roubar as fotografías feitas nos funerais de mulleres negras asasinadas por ser lesbianas.
Na imaxe de abaixo a cociña desta Women House convértese, ao final, no lugar de refuxio e privacidade da parella de mulleres.
Hoxe en día, os versos de Wilding ou as fotografías de Muholi resoan en nós como imaxes e palabras que son os moldes de décadas de reivindicación. Na próxima semana, seguirá o artigo coas obras realizadas a partir da década dos anos setenta, de artistas como Sherin Neshat (Qazvín, Irán, 1957), Ana Mendieta (Cuba, 1948), Barbara Krueger (Newark, 1945) ou Marina Abramović (Belgrado, Serbia, 1946).
Bibliografía
Aliaga, Cuestiones de género.
Combalia Dexeus, V. (2006). Amazonas con pincel. Barcelona: Ediciones Destino.
Edward Lucie-Smith, Movimientos artísticos desde 1945.
Mellado, S. (2017). Marina Abramovic exhibe su método. [en liña] EL PAÍS. Dispoñible en: http://ccaa.elpais.com/ccaa/2014/05/23/andalucia/1400859464_683035.html [Acceso 19 xaneiro 24].
Paes, G. (2017). Estudos de gênero em Marina Abramovic. [en liña] Academia.edu. Dispoñible en: http://www.academia.edu/12014880/_Eu_n%C3%A3o_sou_feminista_-_Estudos_de_g%C3%AAnero_em_Marina_Abramovic [Acceso 19 xaneiro 24].