A escritora e tradutora Ana Varela: “As persoas que escriben tamén poñen lavadoras”
Ana Varela Miño é tradutora da Administración de Xustiza, mais coñecémola sobre todo pola faceta de poeta
17 diciembre, 2023 05:00Ana Varela Miño é tradutora da Administración de Xustiza e ten experiencia na tradución literaria e audiovisual, mais coñecémola sobre todo pola faceta de poeta: no 2017, gañou o Certame de Poesía Francisco Añón con "Asombrario" e, no 2019, o VI Premio Gonzalo López Abente con "Onde nacen as hedras". No medio do caos da vida, segue a escribir poesía e tamén narrativa.
Antes de nada, Ana… Como estás?
Pois estou ben, a verdade, talvez nun momento vital algo caótico, como ben dis, pero, quen non? Teño a sensación de que o mundo, en xeral, está raro.
Autora de Asombrario e Onde nacen as hedras…Que implica facer poesía? Coidas que se trata dunha pulsión, dunha necesidade?
Escribir, para min, é un acto de resistencia, un xeito de ollar o mundo e de situarme nel. Pode verse como a necesidade de ter un espazo propio de liberdade absoluta, porque a literatura nos permite xogar coa realidade e a fantasía, experimentar, ser nós mesmas e outras ao mesmo tempo.
Lembras os teus primeiros versos… Como foi comezar a escribir?
Non lembro exactamente cando empecei a escribir, o que si sei é que foi un acto íntimo do que ninguén tivo coñecemento. Non conservo textos de hai moito tempo, e creo que é mellor así. A escritura acompañoume ao longo da vida, pero empecei a escribir dun xeito máis consciente xa na idade adulta, cando considerei que tiña algo que contar.
Gústame ver a escrita como un proceso e cando releo textos meus de hai moito tempo prefiro velos como un lugar por onde transitei naquel momento, máis ou menos afastado de onde me encontro agora, pero onde xa non estou.
Que esperta en ti a creatividade? Tes algún ritual asociado á escritura?
A creatividade é algo marabilloso que en min se activa coas vivencias máis simples e cotiás. De feito, os meus proxectos de escrita pódenme acompañar durante moito tempo nun estado embrionario que se vai alimentando paseniño co pasar dos días.
Non teño rituais de escrita. Adoito escribir cando podo, mesmo nas horas de espera cando deixo os nenos nalgunha actividade e, se non podo, tomo notas en papel ou en mensaxes de audio, nos traxectos en bus ao traballo, por exemplo. Despois xa necesito sentar, ter un espazo de calma para poder escribir. Son bastante meticulosa e lévame tempo.
Do teu libro Onde nacen as hedras dixeches: "É un poemario que trata sobre as ruínas e o abandono, o seu proceso de transformación, pero tamén sobre o que queda, o que nace e sobrevive entre esas ruínas".
Ana, que é o que queda e sobrevive?
Pois queda o poema, como un testemuño do que foi e do que sobrevive.
Onde nacen as hedras é un poemario escrito nun proceso de dó, tras a morte do meu pai, pero non quería que fose só unha experiencia individual, quería que tivese unha dimensión social. Trátase dun proceso de transformación individual, familiar e tamén social, hai unha necesidade de apreixar a lingua e a memoria, que esmorecen, e nomeadamente de sobrevivir.
Por veces teorízase sobre a personalidade dos e das artistas, especialmente no eido da poesía… Como se dedicarse á creación estivese vinculado cunha sensibilidade especial e coa rebeldía, mais tamén cun desequilibrio emocional ou mesmo co egocentrismo. Como pensas que afectan ou benefician estes “prexuízos”?
Non deixan de ser prexuízos, claro, e ademais na poesía téndese a identificar a voz poética coa da autora máis do que noutros xéneros. En moitas ocasións créase unha especie de mito ao redor dalgunhas persoas que escriben, nomeadamente despois de morreren, e creo que iso está relacionado coa necesidade de apropiarse do seu relato e tamén coa explotación póstuma das súas obras. Separar a realidade do mito vólvese por veces complicado.
Talvez cómpre dicir con máis frecuencia que as persoas que escriben tamén poñen lavadoras.
Pensas que para conectar ou atraer ao público funciona representar “un papel”?
Unha vez que empezas a publicar nace esa nova relación coas persoas que len os teus textos. Para min sería moi cansado manter unha aparencia continua de alguén que non son, xa non só no relativo á escrita, tamén na vida. Somos nós e as nosas circunstancias, non hai que facerlle.
Escribir e publicar… van da man?
Non, son caras diferentes dunha mesma figura. O acto de escribir é máis individual e íntimo, ou mesmo reducido a un círculo determinado. Porén, dar o salto á publicación depende de varios factores externos ou alleos a unha mesma e supón unha exposición que non todo o mundo está disposto a asumir.
Que lle dirías á Ana de antes do 2017, antes de publicar por vez primeira?
Diríalle que o perfeccionismo é bo na súa xusta medida, sempre que non impida avanzar.
Unha vez publicada unha obra, adóitase entrar no mundo das entrevistas, dos actos públicos e das presentacións de libros, de xente que quere saber de ti e escoitarte recitar. É todo tan fermoso / especial como semella?
Esta é outra das caras da figura da que falabamos antes. Adoro as presentacións, porque non deixan de ser unha reunión con xente querida para celebrar un libro, sen máis.
Creo que hai que pensar os espazos relacionados coa escrita como lugares amables e se non o son, debemos construílos nós para sentirnos cómodas, doutro xeito, non tería sentido.
Cal é, pra ti, a mellor parte de publicar? Podería preguntar pola peor pero… supoño que é moi persoal e depende da experiencia de cadaquén.
O mellor, sen dúbida, é conectar coa xente nese diálogo que se establece co libro. Cando as persoas que te len che din que os teus textos lles chegan, que puxeches en palabras unha vivencia súa, unha emoción, que tocaches algo nelas.
En xeral, escribir tróuxome cousas moi positivas e sobre todo trouxo á miña vida persoas marabillosas, compañeiras e lectoras. O demais hai que ilo desbotando polo camiño.
Estás agora cun proxecto de narrativa. Coido que a linguaxe non é igual na poesía que na narrativa. Como está a ser este novo “xogo” das palabras? É diferente a maneira de enfrontarse ao traballo?
Malia que a técnica é outra, hai unha base compartida, a ferramenta é a mesma. Creo que cada proxecto pide unha arquitectura e un xeito propio, e aí estou, intentando darlle forma. É tamén unha maneira de experimentar cos meus propios límites.
É diferente a “Ana poeta” da “Ana novelista” ou son facetas de ti mesma que se complementan?
Ao final a escrita é un xeito de ollar, e iso queda no texto, sempre hai algo de ti en cada proxecto, porque ante todo hai que ser honesta, e buscar dentro dunha mesma para poder crear emocións, sensacións e historias que sexan de verdade e non un simple artificio.
Con este proxecto de narrativas fuches elixida para participar na Residencia Literaria da Cidade da Cultura (REGA23) e na Residencia de creación literaria Illa de San Simón. Demostra isto que a túa narrativa está a espertar interese xa antes de saír á luz. Que pensas que debe ter unha obra para que esperte o interese e sexa ben acollida?
Participei hai pouco na Residencia literaria da Cidade da Cultura dirixida por Javier Peña, onde puiden intercambiar ideas e impresións sobre os procesos creativos e o proxecto propio e os dos compañeiros nun diálogo moi enriquecedor. E despois na da Illa San Simón, que fornece un espazo único e o tempo todo para dedicarllo á escrita, unha especie de paréntese na vida diaria para escribir. Entrei en cada unha delas con proxectos diferentes, pero en realidade descoñezo se hai unha fórmula universal para que unha obra sexa ben acollida, sospeito que depende máis ben de quen te le e do factor sorte.
Podes adiantar unha faísca disto novo que estás a escribir?
Estou agora rematando unha novela e con outro proxecto en mente, porén, ao final nunca sabes en que vai dar o que estás escribindo e por iso non me gusta adiantar acontecementos. Iso si, agora que estou coa narrativa, xa me tarda volver á poesía.
Novela, poemario ou prosa poética coa esencia dos teus versos… Sexa como for, quedo axexante, agardando con presteza máis da túa escrita.