Alberto Mancebo: Miña nai foi quen me ensinou a redactar

Alberto Mancebo: "Miña nai foi quen me ensinou a redactar" @manceboto_

Cultura

Alberto Mancebo: "Miña nai foi quen me ensinou a redactar"

O xornalista leva dende o 2004 traballando na Televisión de Galicia. No mes de maio deu o salto á literatura co libro O que me quedaba por dicirche

10 octubre, 2023 05:00

Alberto Mancebo Soto (Vimianzo, 1983) é unha das caras televisivas máis queridas que entra agora mesmo nas casas dos galegos e galegas cada fin de semana coa actualidade, dende o plató do Telexornal da Televisión de Galicia.

Aínda que de neno escribía e gañaba certames, deixou de facelo ata hai uns anos. As cousas boas e as non tan boas da vida levaron a Mancebo a dar forma a O que me quedaba por dicirche, a súa primeira novela publicada por Xerais no mes de maio.

Como están acollendo o libro os lectores?

 O que máis me sorprende é como a xente expresa o que sinte co libro, os diferentes xeitos que están tendo de manifestarme as súas impresións. Algúns me comentan que levan só 30 páxinas e xa fixeron moitas anotacións. Estou moi contento e agradecido. 

Teño entendio que O que me quedaba por dicirche foi un agasallo polo Día da Nai

Efectivamente. Miña nai leva toda a vida dicindo “Compra un piso e escribe un libro”. O primeiro eu aínda podía, pero o do libro non. Eu nin de lonxe pensaba que fora capaz de ter unha novela despois de tanto tempo sen escribir. 

Pero é así, miña nai é moi lectora, foi a que me falou dos libros e dos escritores por primeira vez. Non era só que me acompañase a mercar libros, e que ela foi a que me falou do mundo da literatura, a que me ensinou a redactar, a puntuar, a buscar sinónimos… Son cousas que non esquezo e cada vez que estou escribindo: penso nela. 

Así que comecei a escribir isto en xaneiro de 2021 e pensei “veña, teño que rematar isto e que sexa un agasallo no Día da Nai”. Aínda que semelle como algo “ñoño” para min ese momento foi inesquecible. 

Dinlle o libro e comentei “Agora a ver se che gusta” e ela dixo “Como non me vai gustar se xa é o meu libro favorito”. Foi un momento fermosísimo e é así, a min a opinión que máis me interesa é a de Segunda, miña nai. 

Compartías os capítulos escritos con alguén antes da publicación? 

Sí, compartín con xente moi cercana os primeiros capítulos e todos me animaban a continuar. Eu pasei de escribir reportaxes e apuntamentos para os informativos a isto. É certo que eu escribo dende moi cativo, escribía contos e ata gañei algún que outro certamen na Costa da Morte, pero logo parei. Penso que ten que ver co feito de que comecei a estudar Xornalismo e pensaba que ó meu caron todo o mundo facía cousas excelentes e decidín destinar as miñas enerxías na radio, na televisión… 

Así que despois de moitos anos sen escribir nada de creación literaria e de ter esta historia 20 anos na cabeza… Chegou o momento. Comecei ese día e xa non parei. Agora estou escribindo sen parar. A ver que pasa, pero teños esperanzas e ilusión de publicar todo iso.

Que ten que ver o teu paso por Portugal con este libro?

En setembro de 2017 marchei para Portugal como corresponsal, nun principio marchaba para dous anos e quedei cinco. Namorei de todo ese traballo, das rutinas… Fun moi feliz eses anos aínda que traballes o triple e dun xeito máis lento porque estaba solo. O libro nace da necesidade no segundo confinamento de Portugal, onde eu estaba traballando como corresponsal e non tiña tempo para nada porque tiña moito volumen de traballo para tele, radio e internet e precisaba facer algo que non levase a palabra coronavirus nin máscara. 

Sen dúbida o que peor levei foi o falecemento do meu pai porque eu estaba atrapado en Portugal e ata que conseguin saír do país foi moi compricado de xestionar. Grazas a miña empresa puiden estar na casa un par de semanas pero tiña que voltar ó meu traballo e foi difícil atravesar ese dó so, fora da casa e encerrado, sen visitas e baixando para facer as miñas grabacións nada mais. 

Dinlle o libro á miña nai e comentei “Agora a ver se che gusta” e ela dixo: “Como non me vai gustar se xa é o meu libro favorito”.

Foron tempos moi difíciles, imaxino…

Creo que a miña cabeza bloqueou moitos recordos deses días e lidiar coa ausencia que chega é unha cousa que te transforma, que ou ben fortalece o que xa eres ou produce unha transformación. Forma parte da vida e da madurez e…Aprendes ou aprendes.

Penso que non falamos nada do confinamento para o que foi, non crees?  Non pensó que sexa por ter  unha ferida, aínda que fixo moito dano… A min me sorprende isto de non falar de algo que estivo moi presente. Precisamente no libro tamén están sempre moi presentes esas cousas das que non falamos aínda que formen parte do noso día a día.

Comentas que levabas anos sen escribir, entendo que o proceso de escrita non foi sinxelo…

Imaxínate non ter ni idea de como se escribe un libro… Eu non tiña  as claves de como redactar ficción dun xeito concreto.

A miña referencia é a lectura, os libros que leo. Era unha cousa que me preocupaba e intentei preguntar a algunhas persoas que escriben e facía os meus procesos de revisión e demais Pero eu resumo todo, e agardo que isto non teña connotacións vanidosas,  en que non sei se isto é bo ou malo pero é o que a min me gustaría leer. Para que poda chegar a gustar a alguén primerio ten que gustarme a min.

Decidín enviar o que tiña a Xerais e lembro perfectamente que estaba tomando un café despois do envío para o telexornal da Televisión de Galicia na Praça a da Ribeira e chegou un mail onde o director da editorial escribía “Benvido a Xerais” e quedei a cadros, iso foi a caña. A relación editorial comezou con eles e aí estamos, agardo que perdure. Estou moi contento con todo, ata coa cor do deseño da portada, na que tamén puiden aportar as miñas ideas, porque penso que ti entras nunha libraría e distingues perfectamente o libro. 

"Despois de moitos anos sen escribir nada de creación literaria e de ter esta historia 20 anos na cabeza… Chegou o momento. Comecei ese día e xa non parei. Agora estou escribindo sen parar".

Que foi o máis compricado de todo este proceso?

Eu quería transmitir que para Xoán, o protagonista é moi importante o mundo dos soños, o universo onírico, máis en concreto o  entresoño, iso que en Vimianzo chamamos transboiar.  Hai moita ficción pero isto é o que lle acontece á xente, dende os problemas de saúde mental, os silencios, os problemas familiares…Quixen ser do mais riguroso posible, preguntando, investigando… Para min era fundamental que si falaba de cousas que eu non vivín, tiña que facer un achegamento a esas realidades dos protagonistas dun xeito serio e riguroso. 

O pudor é o que máis me preocupaba. A min o momento da páxina en branco non me da medo, dame medo o pudor. Aínda que o rapaz do libro non son eu a xente vai pensar que está vendo cousas da miña vida, que é algo normal. Eu ata busquei opostos. Non debería ser tan pudoroso, pode ser, pero para min hai moitas moitas similitudes e hai moitas cousas de min escritas neste libro, porque o fin e o cabo son eu o que escribe. Aínda que non te creas, quedei con ganas de facer autoficción…

Co teu traballo na televisión e con esta nova faceta como escritor segues a ter tempo para a lectura, algunha preferencia nestes momentos? 

Adico a metade dos meus pensamentos á creación literaria agora mesmo. Pasei de non escribir a isto.Pero tamén emprego o meu tempo en leer a moitas escritoras, sobre todo mulleres como Mariana Enríquez, Camila Sosa, Sara Mesa, Berta Dávila, Milena Busquets. Por exemplo o seu libro “Las palabras justas” e un que non deixo de agasallar. 

Leo a moitas mulleres máis ou menos da miña idade que dende as súas propias historias denuncian situacions do heteropatriarcado que a miña irmá Alba chama “ a disfunción do home actual” como é que o feito de que o home chega á parella sendo pouco funcional. 

E tamén desfruto moito viaxando, un dos pilares da miña vida. E por suposto facendo moita vida polo casco histórico de Santiago de Compostela, buscando lugares onde escribir, terrazas nas que tomar algo…

@manceboto_

@manceboto_