Fiestas de Pascua 2025 en Plaza Macías de Padrón
- O Concello de Padrón entra na conta atrás para a celebración das tradicionais Festas de Pascua que se desenvolverán do 12 ao 27 de abril e que volverán contar cun amplo e intenso programa de actos pensado para todos os públicos.
- A inauguración oficial terá lugar o sábado 19 de abril ás 21:00 horas na Praza de Macías, onde a triatleta de élite Martina López Gestal será a encargada de pronunciar o pregón. A deportista, actualmente integrante do Triatlón Inforhouse Santiago, foi pioneira na súa disciplina, sendo a primeira muller en obter licenza no Triatlón Vilagarcía. Ao longo da súa traxectoria, acadou importantes recoñecementos, entre eles o campionato de España de triatlón de media distancia (categoría 35-39 anos) en 2021 e a terceira clasificación no Campionato Galego de 2019.
- A presentación da inauguración correrá a cargo de Sara Seco, creadora de contido e premiada no certame Youtubeiras + polo seu traballo en TikTok. A comunicadora, orixinaria de Valga, será a encargada de conducir o acto de apertura das Festas de Pascua. Con esta escolla, o Concello de Padrón reforza o seu compromiso coa visibilidade das mulleres no ámbito cultural e festivo, así como co talento da comarca e dos pobos irmáns, como tamén se reflicte na elección do ilustrador lestrovense Mateo Pardal como autor do cartel oficial das festas.
- As celebracións incluirán a actuación dalgunhas das mellores orquestras de Galicia, cun programa musical de primeiro nivel que se desenvolverá en distintos puntos da vila. O mesmo día do pregón, a festa comezará coas actuacións de La Fórmula, que celebra os seus 10 anos cun espectacular directo, e Unión y Fuerza, orquestra padronesa de referencia.
Programación Pascua en Padrón 2025:
- O domingo de Pascua converterase na Noite Xove, cunha programación especialmente pensada para o público máis novo. Desde as 19:30 horas, Magos, unha formación nova e dinámica, ofrecerá o seu espectáculo antes da emblemática París de Noia, que desde 1957 marca a diferenza co seu escenario móbil de última xeración. Á 1:00 horas, Ricky Galende presentará o seu espectáculo de música, son e iluminación Renovation Experience no paseo do Espolón, garantindo unha noite de festa e diversión.
- O luns de Pascua, o protagonismo recaerá dende as 21:00 horas en Los Satélites, con máis de 80 anos de traxectoria, e ás 22:30 horas en Olympus, unha das orquestras máis espectaculares de Galicia con escenografía, coreografías e luminotecnia de alto nivel.
- O martes, o Dúo Máster de Padrón animará a xornada antes da chegada ás 23:00 horas de Panorama, unha das orquestras máis populares de España cunha media de 200 actuacións anuais.
Programación Pascuilla en Padrón 2025:
Desde o Concello de Padrón búscase ofrecer unha programación musical pensada para todos os gustos, combinando modernidade e tradición. Así, durante a Pascuilla, a música seguirá enchendo as rúas de Padrón con bandas como Los Wavy Gravies, Five Star Service ou Banda de Nash, ademais de orquestras como América, Kubo, Marbella e as padronesas Atenas e Charleston que suma xa dúas décadas enriba do escenario.
- O venres da Pascuilla estará marcado pola predominancia do rock, reforzando así a diversidade musical e apostando por novas propostas para todos os públicos. A Banda da Loba, grupo galego integrado por cinco mulleres que fusionan pop, blues, folk e rock, será outro dos grandes atractivos destas festas en Padrón. Ademais, o Tributo a El Canto del Loco e as sesións dos diferentes DJs no Open Air garanten unha festa completa ata a madrugada.
- Como antesala á espectacular tirada de fogos de artificio á medioanoite do domingo de Pascuilla, que marcará un dos momentos máis emocionantes das festas, o público poderá gozar dunha serie de proxecións audiovisuais que engadirán unha dimensión especial ao evento.
O amplo, variado e ambicioso programa de orquestras e actuacións reflicte o compromiso do Concello de Padrón por manter viva a tradición festiva da vila, atraendo a veciñanza e visitantes con espectáculos de primeiro nivel, convertendo a vila nun punto de encontro festivo de referencia en Galicia.