Un tren Avril en una foto de archivo.

Un tren Avril en una foto de archivo. EP

La tribuna

A historia inconclusa do AVE a Galicia

A conselleira de Infraestruturas lamenta o retraso na chegada dos trens Avril a Galicia e pon o foco sobre a urxencia neste asunto tratado este semana co Goberno central

7 octubre, 2023 09:39

A posta en servizo dos trens Avril en Galicia é a demanda irrenunciable dun país que leva agardando moito máis tempo do razoable por que a alta velocidade ferroviaria sexa unha realidade na maior parte do noso territorio.

A reivindicación é obxectiva: as peculiaridades da rede ferroviaria interior da nosa comunidade, na que conviven diferentes anchos de vía, fai imprescindible dispoñer de trens de alta velocidade de rodadura desplazable.

Dito doutro xeito, mentres non cheguen ás nosas vías os trens Avril, a alta velocidade non poderá pasar de Ourense, pese a que os usuarios de cidades como Santiago, Vigo, A Coruña e Pontevedra dispoñen da infraestrutura para poder estar beneficiándose xa deste servizo.

Desafortunadamente, non é o caso de Lugo e Ferrol onde a rede ferroviaria non permite albiscar, polo momento, unha conexión coa alta velocidade. En Ferrol porque aínda non se licitou o baipás de Betanzos nin está previsto o plan de modernización que a Xunta leva tantos anos reclamando. En Lugo, porque a decisión unilateral do Goberno de España de eliminar das obras en execución as variantes dos Peares e de Rubián impide reducir en 20 minutos o tempo de viaxe con Ourense e porque, cando rematen os traballos, a velocidade máxima dos convois manterase nos 160 Km/h, lonxe dos 300 Km/h que acada a alta velocidade.

Ata o momento e desde a chegada do primeiro AVE á estación de Ourense, en decembro de 2021, foron moitas as datas trasladadas polos responsables do Goberno central para a entrada en funcionamento dos trens Avril. Todas sistemática e reiteradamente incumpridas. Tamén a última dada pola ministra do ramo, que situaba este fito no vindeiro mes de novembro. O pasado martes, o secretario de Estado de Transportes oficializou o que xa era evidente no encontro que mantivemos en Madrid esta mesma semana: será, como pronto, no primeiro trimestre do vindeiro ano, 2024.

A confirmación dun retraso nunca é unha boa noticia, menos cando a concatenación dura tantos anos. Se a iso lle engadimos a indefinición sobre o número de trens destas características que se destinarán á liña Galicia-Madrid, o panorama é pésimo para os intereses da nosa comunidade.

No Goberno galego tempos claro que para dispoñer dun servizo capaz de atender axeitadamente á demanda existente, que medrou por riba do 70%, precisamos, como mínimo, contar con sete trens Avril, que garanta non só os tempos de viaxe comprometidos, tamén as prazas, os horarios e as frecuencias que necesitamos.

Os estudos técnicos que fixemos a este respecto así o acreditan, en base a que neste momento só se aproveita o 31% do potencial deste transporte e iso a pesar de que a demanda neste corredor ferroviario disparouse por riba do 70%.

No que atinxe á alta velocidade, como noutras moitas cousas, as demandas do Goberno de Galicia son claras e obxectivas. O Goberno de España coñéceas e dispón dos informes técnicos esgrimidos para fundamentar esas peticións. O Executivo central sabe tamén que non cederemos nas nosas demandas, que consideramos xustas e inquebrantables.

Cando, como está a facer a Xunta de Galicia, se aposta por unha mobilidade sostible e respectuosa co medio ambiente e se traballa no fomento do uso do transporte público, entendido como un servizo moderno, de calidade e útil para a cidadanía, reivindicar un servizo ferroviario á altura non só é coherente, é obrigado.

A chegada dos trens Avril a Galicia é unha historia inconclusa. Nós, como Goberno galego que ten como principal obriga velar polos intereses de Galicia, cumpriremos o noso cometido para asegurarnos de que teña un final acorde ao que os galegos merecen e necesitan.

cerebro

La atención temprana: una garantía de futuro para los menores con parálisis cerebral

Anterior
El Retrato Oculto: el misterio de nuestra sombra personal

El Retrato Oculto: el misterio de nuestra sombra personal

Siguiente