Bandera de Galicia.

Bandera de Galicia. Shutterstock

La tribuna

Unha Galicia para todos

Unha reflexión do presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes. sobre o significado do 25 de xullo para Galicia e os galegos

25 julio, 2023 05:00

En novembro de 1919 as Irmandades da Fala celebran a súa II Asemblea Nacionalista en Santiago de Compostela. Entre outros acordos, determinan conmemorar todos os anos, o 25 de xullo, o Día de Galicia. Así nace a idea. Unha conmemoración anual que petase na porta dos galegos e as galegas para afirmar a nosa lingua, a nosa historia e a nosa cultura. Un día grande para todos e todas, sen excepcións. Certo que uns se sumaron e outros non. A iniciativa foi callando lentamente, como a propia organización que a promovía. E mais condicionada polas circunstancias políticas. A revista Nós e o Seminario de Estudos Galegos, do que estamos a conmemorar estes días o centenario, nacen do espírito das Irmandades, igual que as editoriais Céltiga e Lar, por exemplo. A ditadura de Primo de Rivera (1923-1930) coutou moitas posibilidades, mais aínda así o pulo e o traballo dos “irmandiños” deu froitos logrados, que a partir da Segunda República se traducen en propostas culturais e políticas importantes, entre elas o Estatuto de Autonomía, plebiscitado o 28 de xuño de 1936.

Neste decorrer da historia do galeguismo a celebración do Día de Galicia, tamén Día Nacional de Galicia, é unha constante: a gran festa da afirmación galega, non contra ninguén senón para atoparse a si mesma, “célula de universalidade”, aberta ao mundo e ás liberdades da cidadanía, moi principalmente aberta a Europa, incluídos os dereitos das mulleres (laborais, sociais, políticos) en pé de igualdade cos homes. Os textos están aí. Era o vento da modernidade. Unha mirada nova sobre o mundo e sobre nós mesmos: a Galicia da Terra e a Galicia de alén mar, instalada sobre todo na outra beira do Atlántico, pois Galicia está alí onde están os galegos e as galegas conscientes do seu significado.

O 25 de xullo de 1948 Castelao pronuncia en Buenos Aires unha das pezas de oratoria máis intensas, apaixonadas e emocionantes da cultura galega contemporánea: “Alba de Groria”. Foi no Teatro Argentino, nun acto impresionante, organizado polo Centro Galego e as sociedades galegas naquela capital, que encheron as instalacións portando estandartes e bandeiras da colectividade. Tamén disto hai crónicas e documentos. Cando en Galicia non se podía celebrar o Día Grande da Patria, a Galicia de alén mar, a Galicia ideal, da que Castelao sempre falaba, collía o facho da continuidade e agrandábao. Nunca nos cansaremos de recordar que entre 1936 e mesmo ben andados os anos 60 Buenos Aires foi a capital cultural e democrática de Galicia, símbolo do galeguismo, apoiado na actividade da colectividade emigrante e conectado con outros colectivos galegos no Uruguai, O Brasil, México, Cuba, Chile, Os Estados Unidos… Así naceron algunhas das grandes obras da cultura galega do pasado século (Sempre en Galiza, As cruces de pedra na Galiza, A esmorga, Memorias dun neno labrego, a obra de Luis Seoane…), igual que o Consello da Galiza, emisións radiofónicas, teatro profesional, artes plásticas, publicacións periódicas ou proxectos empresariais como o Laboratorio de Formas e o grupo Sargadelos.

O Día Nacional de Galicia, Día da Patria Galega, simboliza todo isto, afirmado agora nas liberdades democráticas do Estatuto de Autonomía de 1981. O tempo afirmou a súa vocación integradora, tal o espírito primeiro das Irmandades e o galeguismo. Velaí o coñecido debuxo de Castelao no álbum Nós (1916-1918), que representa unha gran construción en marcha con todos os operarios a traballar nela. Di o pé da ilustración: “Non lle poñades chatas á obra namentres non se remata. O que pense que vai mal que traballe nela. Hai sitio para todos”.

Las cinco ensaladillas de A Coruña que tienes que probar según Chisco Jiménez, chef de Culuca

Las cinco ensaladillas de A Coruña que tienes que probar según Chisco Jiménez, chef de Culuca

Anterior
Pueblo costero de Redes, ría de Ares.

El pueblo marinero de A Coruña que destaca por sus coloridas casas indianas

Siguiente