Compromiso, eficacia e solidariedade fronte á pandemia
Durante esta crise, a Deputación da Coruña está a realizar o maior investimento da súa historia tanto no ámbito social como no do emprego. Debemos estar xunto a aqueles que máis nos necesitan
Cando comezamos o 2020 ninguén se imaxinaba que estabamos a piques de enfrontarnos á maior crise do último século. A pandemia da COVID-19 golpeounos a escala global con gran dureza, obrigándonos a adaptarnos a un novo contexto económico, social e, por suposto, sanitario.
Desde as diferentes administracións tivemos que facer fronte a un reto sen precedentes: responder con rapidez e solvencia a un escenario imprevisto e atender as urxencias que a sociedade demandaba.
Cando chega unha crise é deber das institucións públicas protexer á cidadanía. Despregar un escudo social, co obxectivo de protexer aos colectivos máis vulnerables, volveuse unha das máximas prioridades. Con este fin, o Goberno de España levou a cabo importantes accións a nivel estatal para protexer a traballadores e empresas, como a extensión dos ERTE, a suspensión dos desafiuzamentos ou outras medidas económicas de gran calado que mobilizaron máis de 35.000 millóns de euros e que probablemente non serían posibles de non contar cun Goberno progresista, preocupado polo que de verdade importa: as persoas.
Desde a Deputación da Coruña tamén despregamos a nosa propia rede de seguridade na provincia para estar xunto a aqueles que máis nos necesitaban. Para conseguilo, tivemos que actuar con celeridade, modificando os nosos orzamentos nun tempo récord para adecualos ás novas necesidades orixinadas pola pandemia.
Así naceu por exemplo o PEL-Reactiva, un programa que desenvolvemos man a man cos municipios da provincia, un traballo conxunto no que o diálogo foi clave para dar resposta ao que a sociedade nos demandaba. Deputación e concellos unimos forzas e dedicamos 15,5 millóns de euros en axudas directas a miles autónomos e microempresas nos momentos máis difíciles da pandemia.
Aprendemos a marchas forzadas e cando chegou o 2021 aprobamos uns novos orzamentos adaptados á crise sanitaria, nos que os ámbitos social e laboral concentran o investimento máis alto da historia da Deputación.
Este ano o Plan de Emprego Local (PEL) duplica de novo o orzamento dos anos anteriores ao coronavirus, coa finalidade de seguir axudando a crear e manter postos de traballo, priorizando ás persoas que se atopan nunha situación máis precaria.
Ademais, nestes dous meses aprobamos unha partida extraordinaria con outros 12 millóns de euros para un novo programa de axudas directas que irán destinadas a apoiar aos sectores máis afectados pola pandemia, como a hostalería ou o pequeno comercio, que están a sufrir especialmente os devastadores efectos da pandemia.
Unha crise destas dimensións requiría dun esforzo especial no ámbito social. Por este motivo incrementamos un 137% noso investimento na área. O Plan Único xa non está centrado unicamente no financiamento de novas infraestruturas e servizos. Incorporámoslle un plan social dotado de 14 millóns de euros co obxectivo de axudar aos concellos a protexer aos colectivos máis vulnerables. Tamén duplicamos ata chegar aos 8 millóns de euros o noso Plan de Servizos Sociais Municipais, co obxectivo de contratar a 200 profesionais e financiar máis de 300.000 horas de axuda no fogar. Así mesmo, reforzamos o noso programa de teleasistencia, que cada día acompaña a máis de 2.800 persoas maiores que viven soas na provincia. Un sistema de apoio que ofrece tranquilidade aos seus seres queridos.
Coa vacinación en proceso, comezamos a ver a luz ao final do túnel, pero aínda nos queda camiño por percorrer. Ata entón, desde a Deputación seguiremos traballando con todas as administracións e tamén coas empresas e entidades da provincia para adaptar as nosas políticas ás necesidades máis perentorias en cada momento e para tecer unha rede que protexa aos nosos cidadáns e cidadás ao longo desta crise, sen deixar que ninguén quede atrás.
Valentín González Formoso
Presidente da Deputación da Coruña