Melania Cruz interpretando a María Casares

Melania Cruz interpretando a María Casares Fuente: Aigi Boga

Audiovisual

Melania Cruz a actriz galega que da vida a María Casares: ‘Aínda temos falta de referentes femininos’

Este ano celébrase o centenario do nacemento de María Casares. Poden disfrutar do espectáculo Continente María no Salón Teatro de Santiago ata o 29 de maio

28 mayo, 2022 11:33

Dicía María Casares que o teatro axuda a vencer o medo e que non hai nada con máis forza que esas cousas que queremos agochar. 

De isto e de moito máis sabe Melania Cruz (Lugo, 1983) a protagonista de Continente María, o espectáculo teatral que dialoga sobre as táboas con toda a extensa, intensa e descoñecida biografía personal e profesional de Casares. 

Nos 70 minutos sobre o escenario María contén a Melania, e Melania contén a María, na compaña do compositor e multinstrumentista bielorruso Vadim Yukhnevich, achegando ó público a figura e a forza dunha muller que foi quen de atopar na interpretación o xeito de existir e inventar tódalas vidas posibles.

Fuente: Aigi Boga

Fuente: Aigi Boga

Este ano o nome de María Casares parece que está máis presente polo centenario do seu nacemento pero teño a sensación de que é unha figura descoñecida para case tódolos galegos e galegas.

É así e é unha mágoa pero supoño que non axuda o feito de que a historia sempre esté contada polos mesmos, polos mesmos homes… María fixo de todo profesionalmente falando e tivo unha vida apaixoante da que pouco se sabe.

Temos unha falta de referentes femininos enorme porque o borrado das mulleres da Literatura, da Historia ou das Ciencias é real e o recoñecemento que tivo María Casares en Francia nunca o tivo aquí.

No caso do espectáculo Continente María, foi unha casualidade que coincidira a estrea neste ano. Levábamos tanto tempo traballando sobre María Casares que a idea do centenario non a tiñamos en conta nin reparamos demasiado na data, pero é unha oportunidade estupenda para que a xente coñeza a figura de María

A min encántame ela, o xeito que ten de falar tan natural, e libre, da sexualidade, do amor, da vida… 

De que xeito aparece a figura de María Casares na túa vida?

Pois temos que remontarnos ó ano 2007 cando eu coñezo a Tito Asorey. A miña amiga María Lopo, unha das grandes especialistas en María Casares, sempre nos insistiu en que tiñamos que facer algo sobre María pero por medio eu estaba rematando a Escola de Arte Dramática e polas tardes daba clases nunca academia. Logo apareceron proxectos coa primeira compañía de teatro na que estivemos, cine, televisión…

Fuente: Aigi Boga

Fuente: Aigi Boga

Foron pasando os anos e era algo que íamos adiando e adiando… Pero a pandemia propiciou que Tito e eu fixeramos un curso coa dramaturga uruguaya Marianella Morena por Zoom e que xa coñecíamos dende había uns anos por un espectáculo na MIT de Ribadavia chamado Ella sobre ella que era un diálogo entre unha actriz do presente e a figura do pasado sobre a que falaban. 

Fixemos esas formacións por zoom e cando rematamos Marianella dixo “quero facer algo con vós sobre algunha actriz”. E tivemos clarísimo que era o momento para sacar adiante este proxecto  e contar unha historia que merece, sen dúbida, ser contada.

Traballamos un ano a distancia con ela na obra e logo de xeito presencial un mes e pico facendo ensaios, propoñendo textos, probando cousas…

Partindo do texto de Marianella, Tito Asorey xa se puso a facer a dramaturxia e dirección do espectáculo e comezamos a traballar co músico en escena que é ademáis unha persoa coa que estamos moi unidos persoalmente, Vadim.

O certo e que tamén foi moi bo atopar o apoio do CDGAC e do Concello da Coruña porque cobra unha dimensión diferente e maior visibilidade. 

Maria Casares fala nunha entrevista dunha crise persoal que atravesou e que afectou a toda a súa vida. Cómo se superan eses momentos nos que non é doado o mesmo feito de existir?

Salvan sempre as ganas de vivir, para todo. No prólogo de O tempo das mareas de Maria Lopo hai unha frase que é algo así como “ ela di sí á vida”. A min gústame pensar que comparto con Casares ese inconformismo que acaba transformando nunha forma de sobrevivir e che fai estar en movemento aínda que tamén paralice de cando en vez. 

Fuente: Aigi Boga

Fuente: Aigi Boga

Esa parálise  e ese sufrimento  están moi relacionados tamén co tempo que vivimos, no que todo vai tan rápido e todo ten que ser inmediato e case non tes espazo para reflexionar sobre as cousas que acontecen no mundo… E pasa que algunhas veces un perde a esperanza, pero a min sempre me salva a miña familia, algo que tamén é moi de María Casares, que viviu cos seus pais ata que eles faleceron e que acolliu a españois na súa casa de París.

Para min a miña familia e os meus amigos foron o meu apoio e sostivéronme moito en momentos difíciles dos que non é doado saír e dos que si é preciso falar. Abrir portas, dicir que precisamos psicólogos ou psiquiatras e normalizar coas experiencias propias que isto acontece e que tamén de todo iso se sae.

E hai que marchar para unha grande capital ou as cousas, se cadra, mudaron nos últimos anos e o audiovisual galego goza de boa saúde?

Eu estou moi contenta aquí, non quero marchar e non quixen nunca marchar de xeito definitivo a Madrid, foi unha decisión. Eu estou encantada se me chaman, vou a facer unha serie e traballo pero sei que a miña casa está aquí, en Galicia.

Fuente: Aigi Boga

Fuente: Aigi Boga

O primeiro escenario no que me subín foi o Gustavo Freire (Lugo) e, ademáis, tiven a sorte de que Darío Xoan Cabana me fixera unha visita guiada. 

Cando estivemos alí con A lúa vai encuberta dedicámoslle a función a Darío. Non me esquezo de onde comecei, de que son de Lugo, de interior, dunha cidade pequena. Pero precisaba vir para Santiago porque quería ese cambio para desenvolver a miña carreira profesional e atopei aquí un fogar e as ferramentas para medrar.

Non vivimos bos momentos en canto a producción de audiovisual en galego por parte dos medios públicos se refire. Pero aínda así, paga a pena apostar por proxectos propios e que as institucións amosen o seu apoio a todo ese tecido cultural que nós creamos e que eles teñen a obriga de dar difusión. 

E penso que tamén temos que atrevernos a propoñer cousas, non quedar na queixa e acompañarnos en procesos de traballo.

Nun momento da obra a protagonista fala do seu exilio e saca da súa maleta cousas que salvaría da vida que deixa atrás… Que cousas contén a equipaxe de Melania?

Sen pensar no material, é doado: a miña parella, a miña familia e o meu can. Que digo “meu” pero en realidade son eu a que son totalmente súa.

E falando de cousas materiais… Eu salvaría unha foto dos meus avós bailando, que me leva acompañando en todas as miñas mudanzas, unha foto da miña bisavoa antes de casar, sentada nunha cadeira e co cabelo moi longo e un libro de Miguel Hernández que teño dende a miña adolescencia.

Fuente: Aigi Boga

Fuente: Aigi Boga

No 2021 recibiches o Mestre Mateo por Ons, en marzo chegou ós cinemas Malencolía, dirixida tamén por Alfonso Zarauza, agora Continente María… Algún proxecto entre mans co que soñes?

Agora estamos con isto, en Santiago, ata o 29 de maio, logo imos estar no Festival Cómico Festivo en Cangas e xa nos chamaron de diferentes concellos para programar Continente María e estamos intentando levala a París a través do Instituto Cervantes. 

Acabamos aínda hai pouco coa promo de Malencolía e fixen unha participación en La Unidad e estamos gravando a segunda tempada de Marea Negra. E algo máis do que non podo falar moito pero que é un proxecto que dirixen varios directores e no que eu teño un papel pequeno pero cunha personaxe moi fermosa. 

Se queres que che diga a verdade o meu soño é verme dentro de trinta ou corenta anos facendo Continente María. Ter 60 anos e seguir facendo este espectáculo e continuar  porque gustaríame chegar a idade que tiña María Casares nas últimas entrevistas e facelo con esa idade.

E compartir os proxectos con toda esa xente que está no meu mundo, no meu universo.