Xosé Zapata, ganador de un Goya: "Galicia debería aproveitar o éxito da súa animación"
El director triunfó en los premios del cine español con el cortometraje ‘The Monkey’, sumando un nuevo Goya para la animación gallega, una de las más laureadas del mundo
2 abril, 2022 06:00Xosé Zapata es uno de los grandes nombres de la animación gallega. Tras años de trabajo como director y productor con múltiples reconocimientos, la Academia española reconoció su labor con un Goya al mejor cortometraje de animación por The Monkey. Galicia consiguió un doblete esa noche con el triunfo de Valentina de Chelo Loureiro, que se suman a los once galardones conseguidos anteriormente, lo que demuestra el éxito de la animación en esta tierra.
Antes de dirixir as películas, proxectáchelas
Eu ía todos os veráns cunha iniciativa da Deputación da Coruña polos pobos. Hai miles de anécdotas, nunha ocasión cruceime cun señor que nos contou que era o que facía de proxectista na película El espíritu de la colmena, rodada en Outes.
En que momento viches que querías ser director?
Ese traballo foi nos anos nos que estudei na Escola de Imaxe e Son da Coruña, e foron os primeiros traballos de verán. Eu xa estudara, o que pasa que facías de todo.
Gañaches o Goya a mellor curta de animación con The Monkey e Valentina a mellor película de animación, que se suman a outros como o de El bosque animado ou Psiconautas. Por que é tan boa a animación en Galicia?
Non o sei, realmente desde os anos 2000 nos que se fixo El bosque animado, Galicia e a cidade da Coruña tiveron esta vocación polo tema da animación. Os resultados foron impresionantes, comparada coa animación valenciana ou a animación vasca, que teñen moito máis diñeiro, a galega ten un grao de acerto de éxito tremendo. Como dis, saíron unha chea de premios e recoñecementos de Galicia e en concreto da Coruña.
Falando do Goya, como viviches esa vitoria?
A verdade é que ben. Era a cuarta vez que estabamos nomeados e ao final, á cuarta foi a vencida.
Dá algo de pánico escénico subir aí arriba?
Si, sobre todo polo tempo, porque tes pouco e ademais hai máis xente no equipo que quere falar tamén. Hai que ser moi conciso e iso é difícil.
Gañaches por unha curtametraxe que fala da xenofobia
É a historia dun mono que é axusticiado porque é moreno, ten pelo e fala estraño, polo que ten que ser o inimigo. Fala un pouco da xenofobia e do odio cara ao estranxeiro.
Que mensaxe buscabas mandar á sociedade?
A mensaxe é moi sinxela, é o absurdo e o surrealismo da historia. Cada un pódeo interpretar como queira, pero encerra a mensaxe o propio feito de que colguen a un mono. En Inglaterra de onde é a lenda, existe unha expresión coloquial que di algo así como "es tan estúpido que vas colgar un mono?" e aí xa di que é unha estupidez odiar a algo que é distinto.
Como foi o proceso de creación?
Foron 5 anos en coprodución con Portugal. Dous anos de animación coa pandemia no medio, un proceso longo e tedioso. Houbo problemas pola epidemia, que supuxo un trastorno e a post-pandemia afectou á distribución. Tivemos pouco percorrido en festivais pero a sorte foi que puidemos celebrar os Goya de forma presencial.
Facer unha produción así supoño que non é fácil, necesitades máis apoio institucional?
O tema de apoios comparando con outros países como Italia ou Francia son poucos. A nivel español Galicia non destaca moito como Valencia ou Cataluña que ten fondos propios, mentres que en Canarias tes unhas vantaxes fiscais e moita industria está a ir para alí. Entón neste tema necesitaríase unha estratexia propia para a animación, para aproveitar estes éxitos. Debería abrirse algún tipo de política especial, aparte é un sector moi estratéxico.
Tamén traballas como produtor, é moi distinta ese labor?
No caso da animación, distínguese bastante pouco, por exemplo Walt Disney era produtor, ademais de animador ou director. Cando ves dous ou tres persoas na dirección dunha película, é porque hai tanto traballo que tes que ter a máis dunha persoa na dirección. Menos as películas de animación de autor, na maioría de casos necesitas moitas horas. Son producións de máis dun ano e desgasta moito.
Co teu compañeiro de dirección en The Monkey, Lorenzo Degl’ Innocenti, estás a preparar unha longametraxe
Presentamos no Cartoon Movie de Burdeos unha longametraxe que se titula Draw, e está baseada no libro de El peón, de Paco Cerdá. Vai sobre a vida de Arturo Pomar e Bobby Fisher, que foron campións de xadrez. Está a axudarnos Óscar De Prado, un xadrecista de Arteixo. Estamos no proceso inicial, estamos a adaptar o libro. Estas producións levan catro anos, sería para o 2024 ou 2025.
Que outros proxectos tes a curto prazo?
Estamos a producir en Parrocha unha serie para a RTP (televisión pública de Portugal) e RTVE, O diario de Alice. É unha coprodución con Brasil e Portugal, feita para nenos pequenos e emitirase en Clan TVE. Estamos a facela en Arteixo e emitirase a próxima tempada.