Telmo Celeiro, adestrador e psicólogo, defende e promove o uso do galego como lingua vehicular
"Desexo unha Galicia coa súa identidade sempre forte e vizosa, chea de persoas orgullosas de vivir e camiñar polo mundo como o que somos, galegas e galegos cunha cultura e lingua de noso", asegura o fundador de Ártabros
14 abril, 2024 05:00Ártabros é o centro de CrossFit que Telmo Celeiro creou no 2014, aos seus 24 anos, na cidade da Coruña. Unha comunidade da que el é o head coach e o respecto á diversidade e ao ser de cadaquén unha máxima que seguir. Ademais de adestrador, Telmo especializouse na psicoloxía do deporte e da
actividade física e, como neofalante, é máis consciente que nunca da importancia de usar e promover a lingua galega en tódolos eidos, tamén nas actividades deportivas.
Como usar os coñecementos sobre psicoloxía no deporte? Que facer para favorecer o noso idioma? Poden promoverse a literatura, a cultura e o deporte nun mesmo espazo?… Velaquí deixo as súas respostas a estas e outras cuestións:
Ola, Telmo. A día de hoxe, coñecémoste pola túa relación co deporte, mais ti graduácheste en Psicoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela. Que motivos che levaron a estudar esta carreira?
Ben, o certo é que, inda que tiña moi claro que quería estudar psicoloxía, hei de recoñecer que cheguei a barallar outras opcións como filosofía, tradución e interpretación ou mesmo, e escacho coa risa só de o pensar, filoloxía eslava en Granada. No entanto, e alén de desexar continuar os meus estudos na nosa terra e preto dos meus, a psicoloxía sempre me pareceu unha xanela aberta de cara á posibilidade de comprender o funcionamento da mente humana e como asimos / nos conducimos no mundo que nos arrodea. Fun pola parte da rama sanitaria xa que o obxectivo foi formarme na especialidade clínica e ter así a opción de ser de apoio, axuda e asistencia para outras persoas no futuro.
No 2014 abriches o centro Ártabros CrossFit. De onde xurde esta idea e como foi que decidiches facerte adestrador?
É curioso xa que, inda estando vencellado ao deporte durante todas as etapas da miña vida até ese momento, nunca pensara en me dedicar ao deporte como profesión. Porén, a finais do 2011, cando xa levaba varios anos centrado na práctica das artes marciais mixtas, coñecín a existencia de CrossFit. Aos poucos, o CrossFit abrangueu máis e máis tempo até se tornar a miña práctica deportiva exclusiva. Tanta foi a paixón polo mesmo que fixen o curso de adestrador e cando me convidaron a participar no día a día como adestrador e atleta no centro de referencia Mundo CrossFit en San Sebastián de los Reyes, non o pensei dúas veces e fixen unha pausa en todo o demais para acudir alá. É unha experiencia pola que estou fondamente agradecido, xa que foi naquela altura que me enchoupei do espírito CrossFit, do que supuña o traballo diario e sentín un forte respecto e admiración polo que foi o xurdir de algo novo. Ao tornar á Coruña, achei que había resultar marabilloso contarmos cun centro na cidade (daquela só había un en toda Galicia).
Como foron os inicios desta aventura no mundo do CrossFit?
Para continuar coa idea anterior, nos inicios desta aventura non era factíbel atopar un lugar preparado para realizar adestramentos de CrossFit tal e como había, malia ser poucos, no resto de Europa. De feito, o número de centros era tan baixo que Blair Morrison, un atleta estadounidense dos CrossFit Games (a maior das competicións mundiais da disciplina) desenvolveu o seu proxecto de CrossFit Anywhere, cuxa raíz era a noción de adestrar con moi pouco material en multitude de localizacións. Vénme á mente un vídeo seu cunhas argolas e máis unha barra de halterofilia embaixo unha ponte a carón do leito dun río! Eu tamén teño visitado parques ou emprazamentos similares con material no carro ou colgado argolas en árbores de certo tamaño… Polo que confirmo que non é nada operativo!
Tivemos moita sorte de contar con persoas que foron confiando en nós e sumando acotío para facer de Ártabros un lugar mellor. E non vou mentir, tamén houbo algún momento complicado e de reformular certas cousas. Eu tiña 24 anos cando Ártabros veu ao mundo no 2014… Se agora, case no ecuador da trintena, aínda son innumerábeis os eidos en que podo aprender e mellorar, naquela moitísimos máis.
Foi unha tarefa complicada crear o teu propio centro / negocio?
Nunca pensei que estivésemos a iniciar un negocio e mesmo a día de hoxe non penso que o sexa. Non estamos na procura constante de inscricións ou "clientes" para acadar unha facturación ou obxectivos fiscais determinados. O noso desexo é facer que toda persoa que entra pola porta desfrute da mellor hora do seu día. Todo vira arredor de promover a saúde das persoas que nos depositan a súa confianza, xerar relacións interpersoais positivas e que a experiencia de pertencer á nosa comunidade vaia mesmo alén do deportivo. A día de hoxe, podo dicir que unha parte importante das miñas amizades e relacións significativas son froito de Ártabros, sendo o CrossFit un punto máis de unión entre todo canto partillamos.
A psicoloxía e o CrossFit poden semellar eidos dispares… Sen embargo, teño entendido que quizais se complementen moito mellor do que de primeiras podemos chegar a pensar. Como se conectan ambas disciplinas? Ten a psicoloxía un papel relevante no teu traballo?
Sen dúbida. A psicoloxía é unha área do saber moi ampla e unha ciencia que atangue diversidade de campos. Aplicamos nocións da psicoloxía grupal e manexo de grupos á hora de organizar as sesións, a súa teatralidade (entendida esta non como algo impostado, mais como o conxunto de ferramentas que enriquecen a experiencia a cada momento) e ós modos de nos comunicar e interactuar. Xa en relación ao rendemento deportivo, actualmente está establecido que arredor dun 30% do mesmo pode explicarse a través de variábeis psicolóxicas, tanto por factores cun alto grado de estabilidade no tempo como os trazos de personalidade, como por aqueles de carácter máis breve como as emocións ou os diferentes estados de ánimo, pasando polas estratexias cognitivas e as habilidades de afrontamento, entre outras.
Alén disto, e pese aos numerosos beneficios a nivel mental que achega o exercicio físico, é certo que noutros momentos da vida pode ser preciso o apoio, asistencia e traballo de colaboración con profesionais da psicoterapia e da psicoloxía clínica.
Dende hai uns anos decidiches facer do galego a túa lingua. Que te motivou a tomar esta decisión?
Sendo completamente honesto, foi algo que sempre tiven pendente, en gran medida polo amor pola nosa lingua, cultura e identidade que me transmitiu miña mai dende pequecho. Grazas á súa conciencia, a día de hoxe teño trazos preciosos que só se poden explicar por unha exposición temperá ao galego. Por
exemplo, conxugo a segunda persoa do plural no perfecto de indicativo coaterminación -echedes, teño amor proprio e non quero moito a miña mai, senón que a quero muito. A ela, como a todos os meus familiares da súa xeración, tiráronlle a lingua e a capacidade de aprendela. Non deberiamos de esquecer que en practicamente toda familia galega, hai historia de represión e persecución lingüística. A chamada a ser galego-falante "a tempo completo" veu determinada por unha conciencia de xustiza histórica.
O momento de realización foi durante a gravación dun podcast cun bo amigo meu que é catalán, máis especificamente de Blanes. Durante a mesma, preguntoume se ministrabamos as aulas en galego e eu, probe de min, respondín que "poucas, por non dicir case ningunha, porque na Coruña a xente fala pouco galego". Ao tempo que as verbas saían dos meus beizos, decateime do ignorante e obtuso da miña resposta. Quen vai falar o noso idioma, senón o facemos nós? É un clixé, porque hai moita xente galego-falante na Coruña, mais son nocións dunha mente colonizada e alienada. Un resultado máis da mensaxe,
tan brutalmente falsa como daniña, que nos coaron de "bilingüismo harmónico", de que cadaquén fala o que quere falar, cando é certo que existe un problema estrutural diglósico que nos empurra a falar castelán. Polo que, os tempos foron chegados, e decidín comezar esta andaina de darlle sentido á miña vida en galego.
Foi custoso instaurar estes novos hábitos? Dirías que a iniciativa tivo boa acollida entre os usuarios e usuarias?
Cando algo é importante para min, gusto de facelo do mellor xeito posíbel polo que principiei a procura de recursos que me axudaran. Nesta busca topei co primeiro libro do Carlos Callón (digo primeiro pois despois deste devorei todos os restantes) Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, obra en que introduce de maneira moi amena e mesmo divertida elementos de sociolingüística… En canto á aplicación en Ártabros, non foi custoso porque fomos aos poucos. Primeiro eu comecei a organizar todas as aulas en galego, a publicar e comunicar todo en formato bilingüe para, ao final, emitir toda
comunicación unicamente na lingua, actualizar os letreiros…
Mesmo a equipa de Ártabros está a ser un reflexo deste proceso de compromiso e mellora, xa que a maior parte de nós realizamos a nosa labor profesional en galego. Agás por un número concreto de casos, que podo numerar cos dedos dunha man, a resposta foi moi positiva e houbo un número de persoas moi significativo que axudaron no cambio, polo que lles estou enormemente agradecido. Alén do máis, penso que é importante mencionar que somos un centro onde moitos países e culturas dos cinco continentes teñen representación. Polo que todos eles son un verdadeiro exemplo de que os idiomas non son barreiras, senón todo o contrario.
É común en Galiza dar con actividades deportivas artelladas dende o galego?
Coido que é menos frecuente por tres motivos principais. O primeiro lugar, por unha inercia imperante que, infelizmente, empuxa a que se lle dea prioridade ao castelán sen ningún tipo de reflexión sobre o que isto supón. Isto ten a súa orixe na nosa historia de asoballamento e a obriga de que así fose en tempos non tan afastados, até o punto de chegarmos a crer que "é o normal". En segundo lugar, polas políticas linguófobas que, dende o 2009, están a imperar por parte dos gobernos e administracións públicas que, lembremos, son os primeiros en teren o deber legal e moral de protexer, fomentar e normalizar o uso, goce e coñecemento da nosa lingua e cultura propias.
En terceiro lugar, as universidades galegas están a fracasar a día de hoxe, 40 anos despois da Lei de Normalización Lingüística de 1983, en educar e dotar de ferramentas á poboación estudantil para levar a cabo a súa práctica profesional na lingua. Malia teren non seus estatutos que a lingua vehicular é a galega e que han de facer todo o posíbel polo seu fomento e normalización, un graduado en CAFeD remata a súa formación sen nocións de anatomía no idioma de noso, sen saber que nós facemos agachamentos e non sentadillas… Con esta base, é máis difícil para o alumnado e profesionais mudar a situación e normalizar o seu uso, mais é posíbel e animamos moito a facelo. A disposición da inmensa parte da poboación galega é positiva e apreciativa cara á nosa lingua e cultura, polo que a súa solución é algo que nos atangue a todos e todas nós.
En Ártabros formaches tamén un club de lectura con obras orixinais en galego e outros clásicos traducidos ao noso idioma. Como está a funcionar? Temos bastante integrada a idea de que as cafeterías poden funcionar tamén como librarías ou mesmo centros culturais (Galgo Azul é na Coruña un exemplo). Mais non é tan normal dar cun centro deportivo – club de lectura.
O club de lectura nace do proxecto previo Navegarmos en Galego, un faladoiro para neofalantes ou persoas que desexen puír o seu galego, que organizamos coa colaboración da marabillosa, tanto no plano persoal como profesional, Antía Marante, docente do centro de ensino Barco de Papel. No segundo ano do mesmo, demos forma ao club que comezou a andar en decembro do ano pasado e que agora ten a súa sede nas instalación do Galgo Azul. Até o de agora, tivemos a fortuna de contar cos escritores Antonio Manuel Fraga e Pablo J. Rañales coas respectivas obras Santoamaro e Os afogados, dous libros que non podo senón recomendar encarecidamente, así como, e isto non ha ser ningunha sorpresa para ti, con Sica Romero e esa obra que me é tan querida e resulta ser tan especial como Avelaíñas Eléctricas.
O certo é que temos a tendencia a pensar nas nosas actividades, gustos e intereses como compartimentos estancos cando, en realidade, son resultado da natureza transversal que caracteriza ao ser humano na súa interacción co mundo. Quen practica deporte, pode gustar de tocar a pandeireta, de ler, de ir ao teatro, de ver horas e horas de comedias en Netflix deitado no sofá e investir fins de semana en festivais tanto como calquera outro. Somos seres dinámicos, poliédricos e penso que algo como un club de lectura non se debería limitar a certos ámbitos.
Dende a túa experiencia, como cres que se debe promover o galego no deporte? Hai algunha chave?
Alén da importancia, xa mencionada, de capacitar e formar adecuadamente os profesionais do sector para que poidan dispoñer dunha habilidade e calidade lingüística adecuadas, está tamén a de transmitir a mensaxe do vital que resulta facer uso do galego coas cativas e cativos, concentrando así un esforzo importante no deporte base.
Tórnase tamén fundamental a existencia de referentes, de todas as idades e condicións, comprometidos co uso do galego e o seu espallamento. Neste senso, podemos usar a metáfora dos vasos comunicantes. Nestes, independentemente de onde botamos a auga, o nivel da mesma subirá en todos os tubos que formen a súa estrutura. Un modelo abraiante disto é a iniciativa Aquí tamén se fala, coa cal a mocidade é a dinamizadora da lingua en todos os ámbitos.
O galego serve para absolutamente todo. É a lingua dos nosos devanceiros e ha ser, entre todos, a de todos os que virán. Como di o lema do Correlingua deste 2024 "dende aquí até acolá, galego xa!". É cuestión de botarmos a lingua fóra.
E como se ve que as palabras son para ti moi importantes… De onde sae ‘Ártabros’?
Os ártabros conformaban a tribo celta estabelecida na zona do golfo ártabro, isto é, o conxunto constituído polas rías de A Coruña, Ferrol, Betanzos e Ares. Até onde sabemos, e como parte da cultura castrexa propia das nosas terras, era característico deles formaren comunidades horizontais, sen diferencias significativas entre os seus membros, e nas que existía un grado alto de colaboración e repartición dos recursos. Mesmo o noso logo inclúe un torque, que é un tipo de bixutería elaborada polas tribos celtas cuxa posesión sinalaba a valía e coraxe do seu portador. Como curiosidade, está representada unha peza de ouro encontrada nos traballos arqueolóxicos realizados en Burela.
Tamén meu pai tiña certos vencellos con este xentilicio. Tanto é así que, nunha visita a Ártabros, estando el xa enfermo de Alzheimer, tras se decatar do nome reflexado na parede, preguntoume se o puxera por el. Cando lle respondín que si, agasalloume un dos sorrisos máis tenros que recordo. Supoño que iso tamén é Ártabros. Meu irmán máis novo e miña nai adestran aquí acotío, polo que o nome ten unha carga afectiva alta.
Tes algún proxecto máis en mente? Ou polo de agora xa é dabondo?
Penso que, polo momento, xa é dabondo. Son bastante fácil de enlear, mais vén ben pararmos un pouco e baixar o ritmo de cando en vez. No entanto, si que teño de confesar que axiña organizaremos unhas noites de cinema onde veremos todos os filmes de Harry Potter, obviamente, en galego! Quen queira
sumarse, só ten de ficar pendente das nosas redes sociais, pois todo o mundo está máis que convidado a vir e comer flocos de millo connosco!
Que desexo tes para o teu futuro?
Se mo permites, hei rematar con dúas referencias musicais. No particular, deixo por aquí Ter o ceo, unha canción de Néboa con Antía Muíño que transmite unha onda de ledicia e esperanza, facendo referencia ao pouco que é preciso para ser feliz.
No colectivo, gustaría de que, como di o rapeiro Hugo Guezeta, "quen desprece a nosa lingua non se flipe, recapacite e queira valorar o noso". Así pois, como feche, desexo unha Galicia coa súa identidade sempre forte e vizosa, chea de persoas orgullosas de vivir e camiñar polo mundo como o que somos, galegas e galegos cunha cultura e lingua de noso e que, durante os séculos vindeiros, borboriñen cos seus beizos moitos "quérote muito".
Pois que así sexa! Fico pendente das redes de Ártabros para esa ‘xuntanza Harry Potter’. Graciñas, Telmo, polo teu tempo, implicación e traballo.