No artigo anterior, “A arte que rachou coa norma: primeira parte”, o foco estaba nalgunhas das artistas da primeira metade do século XX e ata os anos sesenta. Artistas como Louise Bourgeois, Yoko Ono, Faith Ringgold, Nam June Paik ou as creadoras e integrantes da Womanhouse (1972) que, de lado doutras, abriron e asentaron as bases cara un cambio real na maneira de entender a arte, facendo denuncia social e centrándose na transmisión da mensaxe e nas emocións, creando desde a verdade e rachando coa técnica e coas normas.

Para entender o panorama artístico da segunda metade do século XX, é preciso falar da arte en acción e da ‘avoa das performances’: Marina Abramović. Ela, forte e fráxil á vez, comprometida e sensible, realiza as performances art sentindo o mundo a través da experiencia persoal do propio corpo. Usa unha linguaxe para sentir o mundo e a súa enerxía coma un sistema de comunicación non estritamente verbal ou visual, senón de maneira máis profunda, servíndose de recursos como as vídeo-instalacións (accións rexistradas en vídeo en ambientacións teatrais dramáticas). A súa idea era establecer un diálogo enerxético cos espectadores e espectadoras, no mesmo estilo da xeración de Carole Schneemann, Gina Pane, Bruce Nauman, Vito Acconci, Chris Burden ou Joseph Beuys.

Aínda que non era o seu obxectivo, as primeiras performances de Abramović foron un escándalo por atreverse a experimentar cos límites do corpo humano e coa moralidade dos espectadores, e facelo ademais co-participando co público, atravesando nesta relación a fronteira do físico e mental da súa condición humana, saíndo do convencional e politicamente correcto.

Pode que a obra máis estudada (mesmo no eido da socioloxía) sexa Ritmo 0, coa que a artista aborda o moito que afecta e cohibe a resposta dos outros ante as propias accións, tratando temas como a a necesidade de dominación sobre os demais, a vulnerabilidade duns e o sentido de superioridade doutros.

Ritmo 0, Marina Abramović, Studio Morra de Nápoles, 1974 (Imaxe: Arthive, 2024)

Entre 1974 e 1979, Judy Chicago faría The Dinner Party, unha cea nunha mesa con manteis onde ela mesma teceu os nomes de mulleres que pasaron á historia por romperen barreiras e, sobre os manteis, pratos con figuras abstractas que lembran as formas das vulvas ou vaxinas.

Judy Chicago. Imaxe: Press Image

Mary Beth Edelson cultiva os vínculos entre o feminino e o seu entorno recollendo receitas da psicoloxía junguiana para crear obras rituais como o famoso Gate of Home (1977), e outras obras artísticas coas que fai memoria dos millóns de mulleres queimadas por seren acusadas de bruxería na era cristiá.

Relacionado coa santería cubana e mesturando land art e povera, Ana Mendieta (Cuba, 1948) realiza traballos como Dando vida, sendo o máis reivindicativo Rape Scene (1972), onde escenifica a violación sufrida por unha estudante do campus da Universidad de Iowa. Na imaxe, outra obra na cal a artista se fotografou a cara deformada ao pegala contra un vidro, xogando coas posibilidades da carne como materia e do corpo como parte da obra.

Ana Mendieta,Cristal no corpo(Glass on body), performance, Universidade de Iowa, 1972.

Tamén destacan as manifestacións / accións, feitas por Suzanne Lacy e Leslie Labowitz, en torno á violencia exercida contra a muller denunciando o alarmante número de casos de violacións que ocorrían e seguen a ocorrer a diario nos Estados Unidos. Carolee Schneeman (que xa nos anos sesenta destaca en traballos relacionados co happening e o accionismo vienés) volve ós EEUU tras unha prolongada estancia en Europa, levando a cabo Interior Scroll, performance realizada só ante mulleres en 1975, e anos despois ante o público masculino e feminino. Non podo quedar de lado a labor de Barbara Kruger que compuxo mediante o uso de texto e imaxe algunhas das obras máis convincentes da década dos anos oitenta inspirándose na linguaxe e recursos publicitarios. Your body is a battleground (O teu corpo é un campo de batalla) é unha das máis coñecidas xa que foi imaxe de campañas feministas e usada para convocar a manifestación proabortista en 1989.

Barbara Kruger,Sen título(O teu corpo é un campo de batalla), 1989. (Imaxe: ResearchGate)

Na segunda metade do século XX, a arte feminista desenvólvese á par da liberación gay, que de seguida troca nunha resposta á crise da SIDA, aínda sendo a arte lésbica menos recoñecida e pública cá homosexual masculina. Unha das publicacións máis completas sobre a actividade de artistas lesbianas sexa A perspectiva sexual: homosexualidade e arte nos últimos 100 anos en Occidente, de Emmanuel Cooper, e unha dos mostras máis relevantes sobre a crise do SIDA fíxoa a artista estadounidense Karen Finley, quen perdeu varios amigos por esta enfermidade. A súa performance A cadeira baleira (1963), (un asento como un trono adornado con flores, follas e musgo, fronte a dúas cadeiras sen adorno) fai reflexionar sobre a aflición e a perda.

E da perda tratan tamén as obras de Shirin Neshat que reivindica desde o eido da fotografía o papel da muller nas sociedades islámicas contemporáneas. A día de hoxe, segue a traballar no ámbito audiovisual recibindo importantes premios e galardóns por varias das súas obras fotográficas e cinematográficas.

© 1999 Shirin Neshat Fotografía das ‘Rapture Serie’ 1999. (Imaxe: Art Institvte Chicago)

Estas artistas compartiron a necesidade de reivindicar o seu lugar e os seus dereitos e os de outras evitando usar medios que as comparasen coa tradición masculina en pintura e escultura, especializándose no vídeo e na performance como tácticas de choque, fuxindo do academicismo e do moralismo tradicional para cambiar o mundo. A arte contemporánea non podería ser comprendida sen a pegada que elas deixaron ó escribir, por veces en condicións adversas, cadanseu relato dentro da Historia e da Historia da Arte.

Bibliografía

Abramović, M. (2002) Marina Abramović. Milano: Charta.

Abramović, M., J., R.L.P. and Wulffen, T. (1998) The bridge (El Puente): Marina Abramović, exposición retrospectiva. Valencia: Editado por Consorci de Museus de la Comunitat Valenciana.

Abramović, M. (1998) Performing body. Milano: Charta.

Aliaga, J.V. (2004) Arte y Cuestiones de género: Una Travesía del Siglo XX. San Sebastián: Nerea.

Combalia Dexeus, V. (2006). Amazonas con pincel. Barcelona: Ediciones Destino.

Smith, E.L. (1994) Movimientos artisticos Desde 1945. España: Ediciones Destino.