Yolanda Castaño.

Yolanda Castaño.

Cultura

Yolanda Castaño: "A poesía é un dos campos nos que a cultura galega se adiantou á española"

A autora gañou a semana pasada o Premio Nacional de Poesía co seu poemario ‘Materia’. Unha semana despois falamos con ela deste galardón e dalgúns dos temas que trata nesta obra, como a identidade, o feminismo, a familia, a maternidade ou as despedidas

8 octubre, 2023 05:00

Yolanda Castaño (Santiago de Compostela, 1977) recibiu a semana pasada o Premio Nacional de Poesía polo seu poemario Materia. O galardón é un dos máis importantes que pode recibir un autor/a no eido literario en España, que premia obras escritas en calquera das linguas do Estado. Castaño recibiu a nova estando ao outro lado do Atlántico, cando comezaron a chegar as mensaxes e as chamadas aló eran as 6:00 horas e por un momento pensou que se trataba dunha ficción froito dun encantamento mexicano. Pero non, a nova era certa.

Castaño converteuse o pasado 27 de setembro na terceira muller galega en recibir este premio, antes o gañaron Pilar Pallarés e Olga Novo en 2019 e 2020, respectivamente. Ao xuízo da autora, estes premios veñen a constatar "algo que aquí -en Galicia- sabiamos e tiñamos claro": que a poesía galega ten demostrado dabondo "unha grande capacidade de risco, calidade, ambición creativa e vangarda".

Con todo, desvela a este diario que xa estivo a piques de gañalo co seu anterior traballo, chegando a quedar finalista na última rolda. Agora, uns días despois de regresar desa viaxe (real e metafórica) e instalarse na súa casa da Coruña, falamos con ela da importancia deste premio para si mesma e para Galicia, da poesía como ferramenta para falar do que está máis aló do racional, e dalgúns dos temas que aparecen neste poemario, como o corpo, a familia, o feminismo, a maternidade ou as despedidas.

Yolanda Castaño.

Yolanda Castaño.

Pregunta: Acabas de gañar o Premio Nacional de Poesía. Como vai a dixestión da nova?

Respuesta: Ao recibir a nova a tantos miles de kilómetros, en Cristóbal de las Casas, en Chiapas, pensei que era algo de ficción vinculado a México, pero regresei, crucei o Atlántico, e seguía sendo verdade aquí. Ese foi o primeiro shock. Recibín a nova antes das 6 da mañá alí e todo parecía unha nebulosa propia dun furacán mexicano, ou dos efectos dalgún chile. O máis bonito dos premios é esa fervenza de mensaxes e cariño das amizades e da xente que te quere ben. Estiven e estou gozando.

P.: Nos últimos anos estanse a recoñecer a moitas autoras galegas a nivel nacional, como de importantes son para a cultura e lingua galegas estes recoñecementos?

R.: É unha constatación de algo que aquí sabiamos e tiñamos claro, pero esta ben que recoñezamos a calidade das nosas compañeiras, e que se refrende dende fóra. Cando digo dende fóra non ten que ser sempre o mesmo fóra, son distintos "fóras". Pero a poesía galega xa demostrara unha enorme calidade dende tempo atrás, creo que o único que aconteceu foi unha evolución do contexto histórico dende un panorama un chisco máis hostil cara a outro un pouco máis favorable.

Nos primeiros 2000 xa se vía que a calidade poética galega tiña un estándar un chisco superior. A grande eclosión de mulleres poetas tratando o corpo e demostrando unha perspectiva de xénero na poesía que aconteceu na poesía española dende hai 5 ou 7 anos, viuse adiantada pola poesía galega ata en 20 anos. A poesía é un dos poucos campos nos que a cultura galega se adiantou á española. A poesía galega xa demostrou entón unha grande capacidade de risco, calidade, ambición creativa e vangarda, pero aínda o contexto non estaba preparado para valoralo, e pouco a pouco os cambios sociais levaron a un contexto máis proclive. E estamos moi contentas.

P.: Gañas este premio co teu poemario titulado Materia. De onde naceu este libro, ou de que materia está feito?

R.: Esta feito de materia familiar sobre todo. A familia era un tema que estaba moito na conversa, aparecendo moito na literatura galega contemporánea, sobre todo no escrito por mulleres. Eu quería contribuír a esa conversa dende o meu punto de vista sempre cuestionador e crítico. Non quería quedarme coa perspectiva sincrónica do que é hoxe a familia para min, senón estendelo no tempo, e facer un pouco de recuperación da estirpe feminina ao fío de certa memoria histórica, sobre todo vinculado á represión da posguerra e a esa memoria persoal colectiva.

E tamén quería estendelo cara ao futuro falando das proxeccións familiares de futuro, no meu caso da renuncia á maternidade. Todo iso foi engordando en min e alimentándose na miña cabeza, pero quedou en stand by mentres desenvolvía o que é o proxecto da miña vida, que é a Residencia Literaria 1863, por iso se demorou tanto a saída do novo libro dende o anterior, A Segunda Lingua, que por certo, hoxe podo revelar que chegou á última rolda do Premio Nacional de Poesía en 2015…

P.: Unha exclusiva…

R.: Si… antes non quedaba moi elegante dicilo… cando dis que quedaches finalista pode ser que foses un dos 30 finalistas, é diferente que chegar á última rolda e que a cousa quede entre ti e o outro autor… pero iso foi en 2015 e agora podo dicilo porque o seguinte libro acabou premiado. Entón, estivo esperando todo ese tempo e despois aconteceu que chegou unha pandemia mundial, e durante ese peche me vin na obriga de separarme da miña familia e illarme na miña casa, e penso que moitas veces ese distanciamento do obxecto de contido é moi positivo para unha reflexión axeitada.

A maternidade é un tema que toca a todas as mulleres, en canto atravesamos a fronteira biolóxica de arredor dos 40 nos enfrontamos a unha decisión irreversible.

P.: Neste poemario tocas diversos temas, falas da identidade, do amor, da familia, da maternidade, do corpo, do fogar… Hai algún poema ou verso deste poemario ao que lle teñas especial agarimo?

R.: Hai varios poemas aos que lles teño cariño. Algúns por razóns máis sentimentais, aínda que tamén literarias como a Carta ao meu irmán, pero tamén A roda da fortuna, que xa adianta algunhas temáticas nas que traballo agora, que combina certa ironía con certa crudeza. Eu non son nai, pero os meus poemas tamén son creacións miñas e teño unha relación con eles, e supoño que se lles quere a todos aínda que se lles coñezan os defectos.

P.: Un tema principal tamén é o da maternidade. Eu algunha vez teño pensado que a maternidade tócanos a todas dalgún xeito, as que decidimos non ser nais somos aínda sí fillas e aínda que decidamos non concibir, algunha vez seguro que xogamos a selo ou fantaseamos coa posibilidade. De feito no poemario tes un poema adicado a filla que non é, ou que non será, e nun verso escribes: Nalgún lugar, nunha esfera, tal vez esteas andando, filla, coa nena que fun e que morreu. Pode ser necesario tamén que nos despidamos das "eus" potenciais que non chegamos a ser, neste caso da nai? E tamén das persoas que non chegaron a ser? Penso en fillos, amantes, amigas…

R.: Penso que a maternidade é un tema que toca a absolutamente todas as mulleres porque todas nós en canto atravesamos certa fronteira biolóxica de arredor dos 40 é certo que nos enfrontamos a unha decisión irreversible. Dalgún xeito esa reflexión tócanos, outra cousa é que algunhas fagamos máis reflexións e outras pasen por ese proceso dun xeito máis inconsciente. Tamén, eu cada vez estou máis convencida de que non se trata só de ser ou non ser nai, senón da perspectiva crítica para coa crianza, creo que é co que me quedaría deste libro.

E creo que iso me une con mulleres que si son nais, pero que son nais disidentes ou alternativas ao rol tradicional, e creo que me aliño máis coas súas loitas que coas doutras mulleres que non son nais pero que son menos conscientes o que decidiron non ser nais dun xeito máis irreflexivo ou inconsciente. Ao final do que se trata é da perspectiva crítica para con este sistema aínda tan patriarcal que pon as cousas tan pouco doadas e que fai que aínda ata en sociedades tan avanzadas os coidados sigan recaendo nos ombreiros das mulleres, que a maiores se incorporan á esfera pública e profesional pero seguen sen gozar dun reparto máis igualitario dos coidados.

P.: Ao final todas formamos parte deses discursos, e medramos con eles, e aínda que non sexamos nais, somos fillas, e dalgún xeito formamos parte dunha especie de rede materna…

R.: Si, nesa roda, e reproducimos e devolvemos ese modelos. Estamos totalmente imbuidas sexamos ou non nais, porque está no imaxinario o rol de nai. E tamén, sobre o que dicías de despedirse das cousas que non pasaron, creo que seguimos tendo rituais na vida, como e o dó cando perdemos a un ser querido, unha serie de procesos que atravesamos para despedirnos dese ser querido e seguir adiante coa nosa vida. E tamén pensei que coas cousas que non chegan a ser pois… por que non despedirnos delas. Eu quería pasar esta páxina da miña vida de forma definitiva para non volver a abrila, e deixala descansar xa e deixarme avanzar, por iso quixen despedirme nesa parte do libro, desa filla que xa non vou ter, porque decidín non chegar nin a concibila, pero facelo co sentido da dignidade, dun xeito reconciliado, tanto con ela como comigo mesma, e tamén con certo cariño. E é certo que tamén podemos despedirnos das cousas que non chegaron a pasar.

P.: Ás veces sucede que hai anhelos ou cousas que desexabamos e non chegaron a ser e que non atoparon un espazo recoñecido no mundo, como se non tivesen existido. Pero si que existiron no teu imaxinario.

R.: Certo. Existiron no teu imaxinario e na túa emocionalidade, no campo do simbólico, e a poesía traballa moito neste campo, e ao final descobres que ese campo é moi importante para o ser humano. E, por certo, na pandemia foi onde se relevou completamente, que non eran só importantes as cuestións materiais senón tamén dende a saúde mental, ata a cultura que nos consolaba, e tantas outras cousas.

Cada vez é máis difícil compatibilizar a creación de calquera tipo cun aspecto máis profesional ou a conciliación familiar e dos afectos.

P.: Noutro poema escribes: A xente devece por multplicarse, eu dividiríame. A poesía dános a posibilidade de dividirnos? Que farías unha vez dividida?

R.: Non sei se a poesía nos dá tanto esa posibilidade, porque polo contrario, cada vez é máis difícil compatibilizar a creación de calquera tipo cun aspecto máis profesional ou a conciliación familiar e dos afectos. Hai que inventarse e reinventarse cada día e loitar con unllas e dentes para sacar adiante a túa obra de creación fronte ás outras facetas da vida. Iso sería o que máis me gustaría, poder dividirme e que eses anacos de min atoparan o seu debido espazo.

P.: Con todo, por que a poesía aínda? E que pode a poesía que non poden outros xéneros?

R.: A poesía pode cousas que non poden outros xéneros clarísimamente e por iso creo tanto nela. Por iso está máis que viva. Pero igual para o público xeral está máis viva no sentido amplo dunha linguaxe poética que se coa nas letras das cancións, nos eslogans, na publicidade… e é un tipo de linguaxe que se salta as ordenacións máis racionais da linguaxe ordinaria, e poder deixar atrás esa racionalidade permite alcanzar novos lugares.

Entón, a carón da reflexión filosófica, da linguaxe técnica, o do código científico, que poden ser moi enriquecedores, a carón deles, a linguaxe poética pode tocar aspectos comunicativos moi achegadores e enriquecedores e que completan unha visión do mundo que vai un pouquiño máis alá. Coas palabras pódense facer máis cousas que frases ordinarias. Pódense tocar aspectos que fan parte do cognitivo pero que son menos racionais, e a nosa parte irracional, intuitiva e emocional tamén fai parte de nós, tamén fai parte do noso coñecemento do mundo. Coñecemos o mundo non só coas ferramentas racionais senón a través das impresións e sensacións. Todo iso é o que é capaz de transmitir unha linguaxe que supere o racional e toque máis o aspecto intuitivo e sensitivo.

P.: De feito, tamén a poesía é a miúdo un espazo dende o que falar de temas que igual noutros formatos serían máis difíciles de tratar, como se a poesía permitise un lugar onde refuxiarse e dicir sen dicir.

R.: A poesía está dotada dunha precisión imprecisa. É certeira na súa nebulosa. As emocións non son sempre tan doadas, tan sinxelas, e tan claras como para seren expresadas a través dunha frase racional, senón que son polifacéticas e teñen tantos matices e capas, que resultaría máis elocuente empregar mensaxes poéticas para alcanzar a expresalas. Por todo iso, a visión da poesía é moi necesaria para complementar o noso coñecemento da vida.