De A Coruña a Los Ángeles. O exalcalde de A Coruña, Xulio Ferreiro, fixo a maleta fai algo mais dun mes para abandoar a sua cidade natal e poñer rumbo a Estados Unidos. Xunto coa sua familia, Ferreiro, profesor de Dereito na UDC, aterrizou en Los Ángeles, onde permanecerá todo este curso académico facendo una estancia de investigación na Facultade de Dereito de UCLA.
Xulio Ferreiro mostrase moi ilusionado con esta nova experiencia que ainda está empezando a vivir e que, segundo nos conta na charla mantida con Quincemil, era algo que xa tiña ganas de facer xa antes de ser alcalde de A Coruña. Retomou a idea despois de abandoar o bastón de mando en María Pita no 2019, pero a pandemia do Covid freouno.
Para él, esta estancia "supón ter tempo para recuperar o ritmo académico e investigador que tiña antes de dedicarme á política e poder darlle un novo impulso á miña carreira profesional", segundo nos comenta Ferreiro, que, tal e como lle dixeron os seus compañeiros, vai tratar de ser "o mellor embaixador posible da Universidade da Coruña".
A comida é algo que botamos moito de menos os galegos cando estamos fora, pero Xulio xa ten solución para iso: "temos un restaurante galego a cinco minutos de casa, así que cando nos entre a morriña podemos pasar por alí a tomar empanada e Estrella Galicia".
Para coñecer un pouco mais como está sendo está experiencia profesional e personal, charlamos con Xulio Ferreiro, quen non dubida un momento en atendernos.
-Como xurde a oportunidade de ir a Estados Unidos?
Pois é algo que falamos en casa unha vez que rematou a miña época na alcaldía, como proxecto profesional, pero tamén familiar. O certo é que coa pandemia da COVID, deixamos o plan en suspenso, pero a principios de ano xurdiu a oportunidade de vir a UCLA, coa invitación dun dos profesores da súa facultade de dereito, a través do programa de visiting scholars (investigadores visitantes) que ten esta universidade. Así que solicitei praza neste programa, e unha beca ao Ministerio de Universidades, e afortunadamente obtiven ambas, así que fixemos a maleta e viñemos para California.
-Era algo que xa quería facer, que tiña pendente na sua carreira?
Si, era algo que tiña ganas de facer, xa mesmo antes de estar na alcaldía. Pero seguramente despois do parón na carreira académica que supuxo a dedicación á política, é unha oportunidade para recuperar ese tempo.
-A que se vai dedicar este ano alí? En que consiste a estancia de investigación?
Pois o obxectivo principal é o de investigar. Veño con dous proxectos distintos, e o obxectivo é que de ambos saia algunha publicación. Un segue unha liña que xa iniciei nos últimos tempos relativa á utilización da Intelixencia artificial na xustiza penal. Agora mesmo tanto en Europa como nos Estados Unidos está a deseñarse a regulación da Intelixencia Artificial e pode ser moi interesante estudar as similitudes e diferenzas coas que se aborda esta cuestión nos dous sistemas xurídicos.
A segunda liña ten que ver coa aplicación polo Tribunal Supremo español da ilegalidade da proba obtida con vulneración de dereitos fundamentais que provén da chamada Exclusionary Rule, que é unha doutrina creada polo Tribunal Supremo dos Estados Unidos. Por iso, estudar a orixe desta institución xurídica alí onde se creou pode ser de moita utilidade para resolver os seus problemas de aplicación e transplante a un ordenamento xurídico diferente, neste caso o español e, máis amplamente, o europeo.
-Tamén vai impartir algunha clase? De ser así, de que?
En principio estas estadías teñen como obxectivo estudar e escribir, o que vai ser a miña principal obriga, e o programa no que estou non ten obrigas docentes, o que non quita que poda participar en algún seminario ou outro tipo de actividades.
– Que tal están sendo estes primeiros días?
Pois moi ben. A verdade é que a Facultade de Dereito ten unhas instalacións e unha actividade académica impresionante. Non en van estamos falando seguramente da mellor Universidade pública dos Estados Unidos, e dunha das mellores 10 facultades de Dereito. Isto nótase nos medios que tes a disposición, na calidade do profesorado, e nas actividades que se realizan. Sen ir máis lonxe, mañá imparte unha conferencia un dos congresistas que están liderando a proposta de lei sobre Intelixencia Artificial, así que, como se pode ver, é unha gran oportunidade académica. Por outra banda, o trato e o ambiente de traballo son magníficos, así que estou encantado.
-Foi solo ou marchou con vostede toda a familia? E que lle dixeron cando souberon que lle ofreceran ir para aos EEUU?
Si, viñemos toda a familia. Como xa comentei antes, a verdade é que nos propuxemos esta experiencia como unha aventura familiar. Certo que aos peques asustounos ao principio un pouco un cambio tan grande, pero en xeral é algo que nos facía moita ilusión a todos.
-E como están vivindo a experiencia os seus fillos? É unha oportunidade tamén para eles
Pois a verdade é que os nenos están encantados. Van xuntos ao mesmo cole e adaptáronse moi pronto. Hai que ter en conta que Los Angeles é unha cidade onde hai moita poboación de orixe estranxeiro, co cal hai moitos nenos e nenas cunha situación parecida e o cole pon moito esforzo e recursos en acompañar aos nenos e nenas que non teñen o inglés como primeira lingua. Efectivamente, é unha oportunidade para toda a familia e para os peques tamén. Cremos que enfrontarse a unha situación nova, ver outras realidades e poder escolarizarse noutro idioma vai ser moi enriquecedor para eles.
-Canto tempo levan en Estados Unidos? E ata cando van quedar?
Levamos pouco máis de un mes e quedaremos todo o curso académico, ata que os nenos rematen o colexio.
-E onde están vivindo?
Pois estamos vivindo en Santa Monica, que é unha poboación da área metropolitana de Los Angeles. Un sitio moi agradable, a verdade, dentro da inmensidade que é esta cidade e onde ademais, é posible facer a vida diaria camiñando, o que non é moi habitual por aquí. E se a iso engadimos que estamos moi preto do mar, pois a verdade é que non nos podemos queixar.
-Estes primeiros días supoño que aproveitará para facer turismo. Que puido visitar xa?
Si, viñemos unhas semanas antes, para poder aproveitar e visitar algo, ademais de adaptarnos á vida aquí. Aínda que o certo é que Los Angeles non é unha cidade de ver cousas, senón máis ben de facer cousas, si que visitamos xa os lugares máis típicos, como Hollywood Boulevard, o Downtown, os Estudios Universal, Chinatown, o Observatorio Griffith, as praias de Malibú e Santa Monica (que é a dos Vigilantes de la Playa), ou Santa Barbara.
-Ademais de dedicar tempo as tarefas de investigación, a que vai dedicar o seu tempos nos Estados Unidos? Algún sitio o que lle gustaría aproveitar para visitar?
A verdade é que por agora non nos movimos demasiado. Aproveitei unha visita familiar para achegarnos a Las Vegas, que está a catro horas de aquí, pero agardo que podamos aproveitar as diferentes vacacións escolares para coñecer algo máis, particularmente os parques nacionais de California (como Yosemite ou Death Valley). Tamén temos algúns amigos en diferentes partes de Estados Unidos que seguramente tentemos visitar nalgún momento.
-Que supón para Xulio Ferreiro vivir esta experiencia profesional?
Pois como dicía antes, para min supón ter tempo para recuperar o ritmo académico e investigador que tiña antes de dedicarme á política e poder darlle un novo impulso á miña carreira profesional. Tamén implica unha oportunidade de conectarse co ambiente académico dos Estados Unidos e, en certa medida, global.
-Que lle dixeron os seus compañeiros e alumnos da UDC cando lles dixo que marchaba? Déronlle algún consello?
Pois en xeral todo o mundo na UDC alegrouse moito pola oportunidade e axudoume moito a que puidese levala a cabo, polo que estou moi agradecido. Mais que consellos, o que recibín foi desexos de que aproveitase este tempo aquí e que fose o mellor embaixador posible da Universidade da Coruña, o que tentarei facer, sen dúbida.
-Ainda leva pouco tempo, pero como ve a educación en Estados Unidos? Resulta ben diferenta da de Galicia, sera un cambio moi importante
Falar da educación nos Estados Unidos e comparala coa galega ou coa europea, daría case para escribir un libro. Hai que ter en conta que a realidade é moi diversa. Mentres en Galicia ou en España, case todas as universidades teñen unhas instalacións, medios e calidade semellantes – aínda que isto cada vez é un pouco menos certo -, aquí hai unhas diferencias abismais entre institucións. Por outra banda, estudiar na universidade é moi caro, polo que accede moitísima menos xente. E xa non digamos nas facultades de dereito ou medicina, onde un curso académico pode valer da orde do 70.000$. Ademais hai que ter en conta que as universidades, mesmo as públicas dependen do financiamento privado (sendo UCLA unha universidade pública, só o 30% dos seus ingresos proveñen do Estado de California). Efectivamente, despois estas universidades punteiras teñen uns medios e unhas posibilidades impresionantes.
Na educación primaria e secundaria, sen embargo, a gratuidade é total, aínda que de novo, existen moitas diferencias entre os colexios, dado que dependen enormemente do financiamento local, polo que en lugares de alto poder adquisitivo os medios cos que contan as escolas son moito maiores que nos barrios ou cidades con rendas máis baixas.
En canto á metodoloxía, o certo é que aquí sempre se deseñaron os procesos de aprendizaxe de xeito máis participativo e colaborativo, e non tan unidireccional do profesor ao alumno, pero este tipo de metodoloxías fóronse introducindo tamén nos últimos anos tanto no ensino básico como no universitario en España.
-Que tal a comida por alí? Supoño que nada que ver coa da nosa terra (risas)
Pois a verdade é que temos un restaurante galego a cinco minutos de casa, así que cando nos entre a morriña podemos pasar por alí a tomar empanada e Estrella Galicia.
Pero teño que dicir que aquí é posible comer calquera cousa que che apeteza. Dende logo, moita hamburguesa, comida mexicana, ou italiana, pero tamén restaurantes etíopes, indonesios, asiáticos… o que queras. Sempre e cando podas pagalo, claro, porque está todo carísimo.
-Que é o que mais lles está costando deste cambio, de pasar de estar na Coruña a vivir en Estados Unidos?
Pois seguramente a maior diferencia nótase á hora de planificar o que vas facer ou onde vas ir. Entre as distancias e o tráfico, sempre hai que ter en conta o tempo que vas botar no coche. E particularmente, que non podas ir a case ningún sitio camiñando ou en transporte público. A verdade é que iso marca moito a diferencia entre vivir nunha cidade de tamaño medio como A Coruña fronte a unha macrocidade de 12 millóns de habitantes.
-Ainda acaba de marchar, pero que o que mais bota de menos (ou pensa que vai botar)?
Sen lugar a dúbidas, a xente. As amizades e a familia.